A toxicidade xurídica da Audiencia Nacional

|

Audiencia Nacional (AN) determinou no 2008 en Pleno (é dicir, unificando criterios para todas as Seccións penais) que o delicto de rebelión nunca foi competencia desta Audiencia, Mais a xuiza da AN, Carmen Lamela, en decisión ratificada por unha das súas Seccións considérase competente para coñecer dos delictos de rebelión e sedición, modificando ese criterio firme establecido en Pleno.
Por outra banda, é evidente que a conduta dos membros do Govern non constitúe delicto de rebelión, por faltar o elemento da violencia. Tampouco a conduta dos Jordis integra o delicto de sedición, por faltar unha incitación á violencia na consecución dos obxectivos políticos.
Nunha democracia, tanto a competencia obxectiva dos Tribunais como a definición das condutas delictivas son de interpretación restritiva. Mais a AN sempre tentou facer interpretación extensiva dos conceptos xurídico-penais. Deste xeito chégase a conclusión de que “todo é ETA”, de que a violencia de baixa intensidade na rúa debe ser perseguida como terrorismo ou que Causa Galiza é unha banda armada.
O problema da AN é de orixe. Adolfo Suárez creouna no 1977 por Decreto-Lei dende a planta do franquista Tribunal da Orde Pública (TOP), que axuizaba delictos políticos. Considerábase que cumpría un Tribunal especial para enfrontar o terrorismo, mais axiña se lle foron outorgando máis competencias. Os seus xuices instrutores asumiron moitas veces o rol de xuices-estrelas, ás veces incorrendo en claras ilegalidades, como o abuso da prisión preventiva para acadar resultados nas pescudas. Os seus Tribunais adoitaron impór penas durísimas, extendendo ilegalmente tipos penais e conceptos xurídicos indeterminados ou vulnerando o principio da irretroactividade da lei penal, como no caso da doutrina Parot.
En ningún país da Europa occidental existe un Tribunal excepcional como a AN. Na provisión das súas prazas inflúe nomeadamente un Consello do Poder Xudicial refén das maiorías parlamentarias. E, sobre todo, constitúe unha Corte afastada do territorio e da sociedade e que actúa moitas veces máis como represor do inimigo ca como axuizador do cidadán.Velaí a súa anormalidade fronte ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola Lei e a súa toxicidade a respecto do noso sistema xudiciario.

A toxicidade xurídica da Audiencia Nacional