REFRÁNS E OUTROS PROVERBIOS

|

Paréceme a min que para falar do que está a pasar neste país no que atinxe á corrupción, quitándolle ferro, nada mellor que botar man do refraneiro, eses retrincos da sabedoría do pobo, máis ou menos adaptados á situación actual. Anque este apunte é consecuencia do penúltimo escándalo financeiro, do que é protagonista un significado persoeiro, pode moi ben ser aplicable a tódolos políticos e mesmo aos seus partidos. Verbi gratia: “Son todos os que están, pero non están todos os que son”, que aínda faltan moitos por saír do gran armario da corrupción ¡Cousas veredes! “Cando as barbas do teu veciño vexas rapar, pon as túas a remollar”, que constitúe un aviso para navegantes. “Non hai peor cego que o que non quere ver”, que quer dicir que todo o que está a pasar é coñecido por moitos dende sempre, ¡que os cartos non caen do ceo! e se non se denunciou antes, por algo será, ¿non si?
“Galiñas serán pero chéirame a can”, aplicable ás declaracións, ás mentiras e ás promesas dos políticos que son a miúdo un insulto á intelixencia da xente.
“Can non come can”, porque todos pertencen á mesma camada, os de aquí e os de acolá, a esa chamada clase política que non pode estar máis desacreditada.
“Dura lex, sed lex”, ou dito doutro xeito, o que a fai que a pague, sen amnistías, sen fianzas e como imprescindible premisa devolución de todo o roubado.
“Tales terras, tales nabos”. En moitos casos, algúns de actualidade, a cousa ven de lonxe, de país a fillos e ás veces dende avós e bisavós, toda a estirpe corrupta. E é que neste país, ¿reminiscencias do imperio?, aínda hai algúns que se cren por riba das leis. As razóns que expoñen algúns voceiros do Goberno para defender o indefendible son andrómenas que non se lle ocorren nin ao que asou a manteiga, nin sequera aquel Abundio, que disque era tan parvo que, cando ía á vendima, levaba uvas para o xantar.
O conto do “finiquito simulado” xa figura na antoloxía do disparate parlamentario. Para rematar, dicir que visto o visto, poñer nas mans desta tropa, (Romanones dixit), o Goberno da nación é como “poñer ao raposo a coidar das galiñas”. ¡Que tempos! dixo o gran Curros Enriquez, mirando ao chan. E excomulgárono.

REFRÁNS E OUTROS PROVERBIOS