Galegos de Cataluña

Os galegos non temos outras preocupacións máis que lanzar plataformas de apoio ao proceso soberanista de Cataluña. Se aínda fose en defensa do sector do taxi barcelonés, que está en mans de emigrados autóctonos, pareceríame ben, pero gastar esforzos en dar ánimo aos de por alá non o vexo apropiado, sobre todo cando o sector do aluguer de coche con condutor está en guerra cos sistemas dixitais. Por certo, que en agosto case non vin taxis de Barcelona por aquí, sinal de que a crise tamén lles afecta.
Para moitos dos residentes en terras de Breogán o asunto catalán de establecerse pola súa conta e tan importante como a independencia de Kosovo, as repúblicas bálticas ou Cachemira, que nin lles vai nin lles vén, porque non deixa de ser un asunto de xente de fóra. Non así o asunto de Escocia, territorio competencia de Galicia en dúas grandes frontes: a rivalidade entre augardentes e en soprar gaitas. Loxicamente, gañan os galaicos porque a ver que jailan é quen de beber un destilado de mañanciña e en xaxún? Así que para independentes nós.
Temos territorios próximos nos que deberíamos animar á subversión, como a zona do Bierzo e a parte occidental de Zamora, así como no norte de Portugal, para que haxa movemento social e que nazan catro ou cinco plataformas coa proclama de querer anexionarse a Galicia. Pero hai que reflexionar sobre quen quere ser galego. A resposta é que ninguén, nin os propios naturais se consideran de tal filiación, de aí que vaiamos camiño da extinción por moitos ánimos que nos insuflen para a procreación.
E que estas terras están baixo unha maldición desde o día do Medulio, senón que se lle pregunte aos suevos, quen tras uns anos por aquí decidiron suicidarse despois de deixar un gran legado cultural en Galicia, a saber: unha soa palabra deles chegou até nós, o que indica que non estaban preocupados por facer país. Os que quedaron ou chegaron despois seguiron a mesma máxima: para o que hai que facer aquí, mellor non facer nada. Na actualidade seguimos igual, só cambiamos en que nos preocupamos polas vitorias do Real Madrid e algúns apoian a emancipación catalá.
Todos coñecemos a algún emigrado en Cataluña ou nas vascongadas que veu retirado para aquí e falaba deses territorios españois como se fosen a súa terra, incluso moitos deles conservan os seus coches con matricula de Barcelona ou Bilbao, e case todos votan a CiU ou ao PNV cando poden e falan con acento de por alá e até se aventuran na lingua cooficial. Así que xa hai por aquí quen os defenda. Nós, ao noso.

Galegos de Cataluña

Te puede interesar