EN CATALUNYA NIN MAS NIN MENOS

Os soños da razón producen monstros. Estranas metamorfoses que acaban por devorar a orixe que xenerou a criatura primixenia. Ou dito doutra maneira, a realidade sempre supera á ficción. E se a iso lle sumamos a expectativa xenerada, máis o custe de oportunidade ao convocar unhas eleccións que remataran coa peor lexislatura da historia de Catalunya, dará como resultado que unha cousa son as enquisas e os desexos e outra a cruel e dura realidade que move aos cidadáns a dar ou quitar razóns.

Andan agora os “explicadoiros” de situacións que botan fume de tanto cavilar explicando, doutra maneira, o que antes entenderon diferente. Pero é o sino dalgúns. O de construir a touro pasado. O certo é que non se resolveu nada. Os partidarios de convocar a consulta soberanista son case os mesmos, ou algo máis, que durante a pasada lexislatura. E os partidarios do contrario, algo menos. Pero os que o xogaron a carta do todo ou nada, levaron unha boa labazada que, por inesperada, acabou por descompoñer a súa ríxida e inalterable figura.

Polo tanto, despois de tanto ruido as noces seguen a ser escasas e podemos entender que en Catalunya as cousas non son nin como as pintaba Mas, nin moito menos como as pintaban outras sensibilidades que recurriron a todo tipo de argucias para condicionar as eleccións. A sociedade non lle perdonou a CiU dous anos de duros axustes, de recortes, de perda de calidade de vida… pero deulle unha maioría envelenada para gobernar. Dirán vostes, volverán a gobernar co PP? Eles dixeron que Nunca Máis. Entendamos: é posible.

EN CATALUNYA NIN MAS NIN MENOS

Te puede interesar