DAS PALABRAS DUN MINISTRO

Dixo Méndez de Vigo, ministro do ramo Educativo, que temos demasiados universitarios. Que chegan demasiados xoves ás universidades. Do ministro de Educación, a quen se lle supón interese en lograr xuventudes máis e mellor formadas, agardamos manifestacións cunha maior carga de fondura e contido. Se non ven preparado da casa ou do Consello de Ministros, que non diga nada. Pode que se nos de por pensar que queren limitarmos o acceso ás titulacións superiores. Nese caso a quen lle poñemos trabas? Aos que teñen escasos recursos económicos? Aos fillos dos albaneis ou dos mariñeiros? É moi doado caer nestas reflexións, polo que agardamos da máxima dignidade educativa, unha capacidade oratoria e expositiva, razoada e sólida. 
Para despexar as pantasmas das mentes malpensantes debería empezar por consolidar algúns dos logros das últimas décadas, por exemplo, a recuperación das becas que eliminaron para axudar a que ninguén con capacidade e criterio poida quedarse atrás por razóns económicas. De vostede, ministro, queremos escoitar compromisos para fomentar a investigación e propostas para que retornen os xoves investigadores dos seus exilios forzados. E non chascarrillos, opinións improvisadas, ou saídas de pata de banco que obvian o fundamental: que neste país, grazas á forza dos compromisos das políticas sociais, os fillos dos traballadores puideron chegar, por fin, á Universidade. 
Para moitos, e para min tamén, é motivo dun inmenso orgullo. Non sei se a algúns lle molesta que este sancta sanctorum da máxima titulación, antes reservado as elites, hoxe estea cheo de rapaces e rapazas dos diversos grupos sociais. Señor Ministro, se o que pretendeu dicir, era outra cousa, explíquese home, explíquese.

DAS PALABRAS DUN MINISTRO

Te puede interesar