Das duras decisións

Doe a dor fonda duns pais, que tiveron que pedir auxilio xudicial para que a súa filla, en estado irreversible e terminal, puidera irse sen máis sufrimentos engadidos, dos que xa levaba acumulados nos seus curtos doce anos de vida. 
Sinto dor ata nos dentes, esa friaxe que corta coma serra, de imaxinar un punto de decisión de non retorno nos plantexamentos duns pais que loitaron miles de días e noites contra o desamparo, a anguria e a desesperación de ver como, a súa filla amada, finalmente, rendera a súa vida a unha cruel enfermidade dexenerativa. 
Costa incluso respirar cando les noticias que teñen un compoñente dramático tan potente que supera con moito o umbral de calquera dor imaxinable. Por iso, foi máis duro asistir á circunstancia de saber que gañar significaba perder definitivamente a Andrea. 
Agora toca acostumarse á ausencia. E facerlle fronte a ese nó que se te pon nas tripas cada vez que les cousas como a de que un grupo ultraconservador vai denunciar aos médicos que retiraron a alimentación a Andrea. 
Son eses mesmos, que recorren cada cambio de nomes de rúas, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Produce unha mágoa fonda, que haxa xentes que fan campañas de autobombo a costa da dor allea; ao rebufo de dramas de impacto emocional.  
Ou soportar o veredicto daqueles que toman decisións, non seguindo a legalidade do ordenamento xurídico, senon en función das súas crenzas persoais.  
Perdoen que hoxe non fale de corrupcións, de bailes máis ou menos ensaiados, de Aznar, o da lóxica errática de Rajoy. 
Hoxe, quero render o meu respecto á dignidade valente duns pais; e que Andrea sexa xa paz, emoción e memoria para sempre.

Das duras decisións

Te puede interesar