DESPOIS DO 29 DE MARZO

Despois do éxito indubidábel que tivo a greve xeral, coa que quedou clara a oposición á reforma laboral dunha maioría dos cidadáns e cidadás, o goberno faría ben en tomar nota do ocorrido e recuar. Carecería de sentido que neste momento tapase os ollos, tentando reducir o número de participantes, ou desvirtuase o carácter da protesta. Aínda co uso ou abuso dos poderosos resortes mediáticos cos que conta esta vez non vai poder ocultar a realidade. Xa non sería críbel. Todo o mundo sabe que as manifestacións e a greve foron masivas, máis que ningunha outra vez na historia recente. Un posíbel autoengano ou surdez por parte do goberno español contribuiría aos poucos ao seu suicidio político.

Con apenas cen días no goberno, a política insensíbel de tesouradas e de demolición do estado social que está aplicando Rajoy xa produciu os estrondosos fracasos eleitorais de Andalucía e de Asturias. O PP debería saber que está perdendo aceleradamente a moitos dos seus antigos votantes nas xerais, ao descobriren uma realidade moi distinta da esperada e ao melloraren a súa información sobre a orixe da crise e de como se está a conducir. A política laboral e social seguida por Rajoy, radicalizando a liña das duras actuacións neoliberais comezada por Zapatero, con efectos especialmente dramáticos sobre a clase media e os asalariados, produciralle con certeza máis derrotas nas vindouras convocatorias eleitorais, cuase seguro que tamén nas autonómicas galegas.

O 29 de marzo, co seu manifesto despertar da conciencia cidadán, marcou o ponto de inflexión da etapa eleitoral expansiva do PP. Iníciase outra que será de graves dificultades e de descensos continuos nos apoios, que derivará nunha perda de poder institucional. Dun PP ao ataque, pasarase a um PP sempre à defensiva nos parlamentos, nos concellos e nas rúas. O actual inquilino da Moncloa comezará a padecer un acoso social crecente se continúa coa súa política de eliminación acelerada do Estado de benestar. Pasaralle indefectivelmente o mesmo ao presidente da Xunta.

A cidadanía vai sabendo que existen alternativas máis xustas e equitativas para superarmos a crise financeira e da dívida bancaria, e que non son precisamente as que aplican os ministros De Guindos e Montoro. As medidas actuais atacan de xeito particular á clases media, con reducións salariais e incrementos da fiscalidade vía IRPF, porén, non se sobe a baixa fiscalidade das empresas e sociedades, nen a das SICAV, nen se persegue a serio a enorme bolsa de fraude fiscal. Por outro lado, o número de desempregados non para de crecer e a economía de deteriorarse.

Os sindicatos e os traballadores non se deterán despois do éxito do pasado día 29, que fixo renacer o seu optimismo. Se había dúbidas, agora son conscientes da súa forza e capacidade para presentaren batalla. Se Rajoy após este sonoro aviso non muda a reforma laboral virán tempos duros para o seu partido. O seu goberno padecerá un insoportábel estrés e unha presión constante pola banda sindical e a política, coa xeneralización e intensificación do conflito social.

 

DESPOIS DO 29 DE MARZO

Te puede interesar