Isidro 1952 non pode ser un segundo Isowat

|

A historia da grave crise pola que atravesa a empresa Isidro 1952 ten todas as trazas de acabar sendo un remake de moitas outras parecidas, pero hai que impedir que así sexa. Temos o triste precedente de Isowat moi fresco na memoria, mais se non foi posíbel evitar o peche desa firma emblemática da industria 4.0, si que temos que ser capaces de procurarmos un desenlace distinto para a antiga Isidro de la Cal, unha compañía histórica no complexo mar-industria da Coruña. Non podemos continuar de brazos cruzados mentres se desmantela o noso tecido industrial e, desde logo, as traballadoras e os traballadores non poden continuar a ser os paganos dunha situación orixinada, tanto en Isowat como en Isidro 1952, por unha moi deficiente xestión por parte de empresarios que actúan como auténticos piratas das axudas públicas.

En realidade, a historia de Isidro 1952 é a dunha empresa viábel moi mal conducida por unha dirección executiva máis preocupada de parasitar os subsidios públicos que de garantir a sustentabilidade da compañía. Unha cifra abonda para ilustrar a situación: 23 millóns de euros. Ese é o monto de subsidios que Isidro de la Cal recibiu ao longo dos últimos anos. Que fixo con eles? Non precisamente un bon uso, a xulgar polo exponencial crecemento das débedas da empresa. Mais hai outra cifra, tamén escandalosa, que retrata ben de que estamos a falar: entre 2016 e 2018 o administrador único triplicaba o seu salario para pasar a gañar máis de 390.000 euros. Non sorprende que, con esta forma de xestionar a empresa, a dirección de Isidro 1952 acabase presentando un ERE extintivo para 136 dos 225 traballadores e traballadoras e modificando á baixa as condicións salariais e laborais do conxunto do cadro de persoal.

Mais neste asunto hai outro responsábel. Si, a Xunta. Porque a Consellaría de Industria ollou para outro lado mentres os reitores de Isidro 1952 desbaldían as axudas públicas. Non é de recibo que os responsábeis políticos da Administración non tutelen as empresas cando estas reciben cuantiosos subsidios pagos cos nosos impostos. Non podemos ter un conselleiro que practica un laissez faire, laissez passer que consiste en se desentender do destino dos recursos públicos. As consecuencias do desleixo están á vista. Desde o comezo deste mandato en María Pita, o BNG esforzouse por dotar o concello de novas ferramentas para combatermos o grave proceso de desindustrialización que sufrimos como cidade e como comarca. Esa é a razón que nos levou a tomar a iniciativa e a propor a constitución dun Consello Económico e Social que tivese como horizonte a posta en marcha dun plano de industrialización e desenvolvemento. Ese Consello vai ver a luz este 2020 e temos a convicción de que pode ser moi útil para instar a Xunta a que encha de contido as competencias exclusivas de que dispón en materia de política industrial. Mentres tanto, o Goberno Galego, tal e como pide a moción do BNG aprobada no Pleno do Concello o pasado xoves, ten que facer o que lle corresponde para evitar que Isidro 1952 sexa un segundo Isowat.

Isidro 1952 non pode ser un segundo Isowat