Ximnasia no colexio

|

Cando eu ía a escola había dúas materias curriculares que eran das chamadas marías: relixión e ximnasia. A máis dura viña sendo a formación espiritual porque incluía varias misas á semana e se os vixilantes que paseaban entre os corredores da igrexa non vían que un celebraba a eucaristía con suficiente devoción, chagaba o castigo que consistía en pórse de xeonllos cos brazos abertos diante do altar mentres duraba o culto. Pasei varias clases prácticas de relixión nesa posición penitente no templo salesiano de María Auxiliadora, xa se sabe que un neno de dez anos leva o demo dentro e hai que sacalo, aínda que a golpes de borrador ou a ostias de curas boxeadores saía mellor. O caso é que ao final era un aprobado gañado a castigos e con graves lesións cerebrais. Pero de todo nos curamos.
Con respecto á ximnasia, pois viña o profesor vestido de chándal, mandaba dar unhas voltas ao patio para entrar en calor, catro flexións e dous saltos e se vía que os rapaces nos empregábamos a fondo (ou non), permitía xogar ao fútbol, balonmán ou baloncesto até completar a hora oficial, que agora non recordo se era unha ou dúas a semana.
Agora os rapaces non fan ximnasia, nin sequera se poñen o chándal desde que a materia se chama Educación Física. Na maioría dos casos o profesor se dedica a impartir teoría, por exemplo que para correr primario hai que avanzar con unha perna e despois con outra e así até completar unha carreira virtual ilustrada con un power point. Aínda que soe a disparate así sucede, non sei se coa Lomce cambiará isto ou non, pero despois veñen as alertas sobre o índice preocupante de obesidade infantil ou sexa debido ás presións do lobby da asociación se ximnasios para que os rapaces que queren gastar enerxía se apunten a eles.
O mal do deporte na educación foi cando cambiou o nome de ximnasia a educación física que foi unha perda total de actividade. Un que leva moitos anos indo a un centro deportivo privado cada vez ve que van máis rapaces a facer deporte, a gastar enerxías porque no colexio ou instituto non fan nada por ter a mente s nin o corpo, só teoría.
Como se bota en falta que existan colexios que fomenten o deporte entre a mocidade e non só o fútbol, que é a actividade máis barata, porque as clases de educación física debían de ser de máis dunha hora, porque entre pór o chándal e sacalo xa se perden quince minutos dos cincuenta oficiais, así que en trinta minutos máis ou menos so da tempo en collerlle manía á actividade e pensar que é unha materia para perder o tempo.

Ximnasia no colexio