MÉXICO, ELECCIÓNS SEN CAMBIOS
Todo o que pase en México ten unha transcendencia mundial, tanto pola súa dimensión, como polo feito de ser un país limítrofe cos Estados Unidos. As eleccións deste domingo foron gañadas polo PRI, que deste xeito volve ao Goberno Federal despois de 12 anos. Este partido pouco ou nada ten que ver co de Lázaro Cárdenas, que nacionalizou o petróleo, fortaleceu os sindicatos, e realizou unha tímida reforma agraria. O PRI hai moito tempo que defende políticas neoliberais, e renunciou a calquera pretensión de exercicio de soberanía nacional, para alén do aspecto discursivo. Non haberá polo tanto ningún cambio fundamental nas relacións con Washington, nen na alienación nos organismos latinoamericanos.
O pobo mexicano perdeu unha oportunidade para realizar mudanzas da man de Andrés Manuel López Obrador (AMLO), que sen ser un revolucionario, senón un republicano, quería poñer topes ao proceso de acumulación individual, recuperar dereitos democráticos, e poñer en práctica medidas contra a pobreza. Un programa, que malia que pareza pouco ambicioso, neste contexto de crise sistémica e globalización salvaxe, non é asumíbel polas clases dominantes. Por esta razón desde sectores da esquerda coidan que se trataba dun programa irrealizábel, en caso de que tivese gañado, se non se daba previamente unha mudanza radical na correlación de forzas.
Visitei México os últimos seis anos para participar no Seminario Internacional “Os partidos e a Nova Sociedade”. AMLO asistiu en varias ocasións a este encontro. É un home cun falar tranquilo, que argumenta, e dálle moita importancia ao traballo político de base. En tres ocasións participei de grandes manifestacións, na praza do Zócalo de México, nas que falou diante de centos de miles de persoas, das que a inmensa maioría pertencían ás clases populares. Vin como en resposta ás súas palabras moitos berraban, aplaudían e participaban do discurso emotivamente. É un gran comunicador. Porén, todo isto non abondou para dar un pulo na historia de México. Volveron dar resultado os vellos métodos de fraude, a presión da gran oligarquía, as mafias do narcotráfico, o clientelismo e o alento do xigante do Norte.
