MOCIDADE, INTERNET E POLÍTICA

Vén de presentarse a edición actualizada do estudo “Mocidade, internet e política”, incluído nas publicacións do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Xuventude, compartida coa Fundación de Axuda contra a Drogadicción. Unha avaliación con rigorosa metodoloxía sociolóxica feita por un extenso equipo de autores, investigadores de campo  e colaboradores que traballan neste ámbito.
Duascentas páxinas para dicir que a mocidade “non confía nos políticos, nin na Igrexa, nin na banca”, de facer unha lectura sarcástica desta enquisa que aborda as actitudes políticas da xuventude e o modo en que este sector da poboación utiliza a rede. O traballo publicado vai, loxicamente, moito máis alá deste aspecto superficial. Porén, non hai dúbida, os máis baixos niveis de confianza expresados pola xente moza son, por este orde, para os partidos políticos, a institución relixiosa, o sistema financeiro e bancario, a patronal empresarial e as organizacións sindicais.
Alarmante é que, en todos os casos, superan á  metade das opinións negativas. Este dato contrasta co feito declarado pola máis grande parte da xente moza que asegura ter interese na política, “bastante ou moito” para un de cada dous dos entrevistados. Na explicación da aparente contradición está, con certeza, a crise económica e a evidencia de atopar á política convencional “desapegada” da realidade social. Mesmo ten aumentando, practicamente no douscentos por cento, o interese pola reflexión e a acción política na xente menor con datos comparados dos últimos cinco anos. Cousa ben diferente é o nivel de asociacionismo, integración e afiliación moza nas organizacións ou institucións tradicionais, que o é de cifra próxima ao cero absoluto.
Sen botar foguetes, fican a salvo os grupos deportivos, as ONG de acción social e algunha proposta de base cultural. Sorprende, nese senso, que se adhiran á expresión “se os cidadáns se organizan, é posible mudar as cousas” ou que “o verdadeiro poder teno a cidadanía, se é capaz de comprometerse”.
Tamén que consideren un dos principais problemas a “escasa participación cidadá na política”. Catalogando á actitude política xuvenil entre “pasivos” (17%), “conservadores institucionais” (38%) e “activistas politizados” (45%), estes últimos son os que procuran na rede a información e a canle de participación política tendente á mobilización e á presión sobre fórmulas de expresión alternativa, “sen grandes posicións formais”.

MOCIDADE, INTERNET E POLÍTICA

Te puede interesar