Reconvertidos

Oterritorio galaico xa pasou por varias reconversións desde que chegou aquí a industria, pero o sector naval vai camiño de estar dando voltas en espiral até o desastre final. O que si é de relevo que por primeira vez se cargue con palabras grosas contra a dirección de Navantia desde as institucións políticas autonómicas sendo do mesmo partido, algo que non ocorreu cando os socialistas gobernaban no centro e na periferia.
A comarca de Ferrolterra recorda aquelas denominacións de ZUR e ZID que non pasaron dun gran cartel e de desvío de fondos que aínda non se sabe por onde se perderon de camiño a levantar algunha nave industrial. Houbo outras empresas que se instalaron ao amparo de grandes subvencións e só estiveron operativas o tempo obrigatorio da axuda pública e a metade del estivo en liquidación, a medida que se acaban os euros ou pesetas da época.
Non hai moitos anos, as comandancias do naval botaban a culpa aos estaleiros coreanos de que facían o chamado dumping, a prezos temerarios, pero en realidade era simplemente a incompetencia dos directivos da Izar de antes ou do INI ou dos que tiñan que decidir. Romanía arma barcos a centos e non se lle acusa de baixar prezos, simplemente son ofertas, como calquera que pide un orzamento para cambiar a cociña da casa e decida dar a obra a quen mellor lle parece e non ten que ser necesariamente o máis barato.
Talvez o verdadeiro problema non sexa a construción naval, senón que durante tres décadas non se soubo reindustrializar unha zona, que vive pendente de promesas políticas que non se materializan en nada excepto en subsidios que aletargan a conciencia colectiva e extinguen a vida económica, política, social e mesmo a natural.
O grande paradoxo é que todo o naval se resolva en Madrid e seguramente por xente que nunca viu o mar nin sabe o que é un barco. Non hai moito tempo que os chegados da meseta quedaban pasmados cando descubrían que os navíos eran construídos por chapas metálicas porque estudaran que o ferro ía ao fondo, o caso é que descoñecían o principio de Arquímedes ou de Pitágoras, que todos se confunden, dado que todo corpo somerxido nun fluído experimenta un empuxe vertical e cara arriba igual á suma do cadrado dos catetos, como dicía un.
Pasarán manifestación, marchas e vixilias e virán novas promesas, pero ao final quedará todo esluído en palabras e boas intencións partidistas, xa que tanto socialistas como populares nin se preocuparon do sector, aínda que fose por venderlle patrulleiras a Venezuela, houbo oposición e todos calaron e a ninguén se lle ocorreu ofrecelas con tecnoloxía armamentística galaica.

Reconvertidos

Te puede interesar