De Roucos e rencores

Hai persoas que acumulan estratos poderosos de prepotencia. Dun rancor rancio, que semella medrar cos anos. Persoas que, en lugar de predicar o perdón e a conciliación, viven empeñados en dividir e sinalar co dedo acusador. Non lles importa se teñen ou non razón, o único que perseguen é condenar. Confunden o deles co de todos. Queren ser o morto no enterro, e o neno no bautizo.
Sementan alarmas e traxedias, manipulan medias verdades para ter protagonismo. Son os autoproclamados xuíces plenipotenciarios, falan do divino e do humano como se foran a única voz autorizada. Nunca apagaron incendios. Nunca detiveron avalanchas. Sempre promoveron o enfrontamento e sempre dende o mesmo bando. Persoas carentes da máis mínima humildade e autocrítica, seguen sendo autores de discursos de pedra. Provocadores natos, para obter un, efémero, titular de prensa. Nin cando pasou o seu tempo e a súa responsabilidade son capaces de entender que o silencio, a verdade e o respecto aos demais son virtudes a ter en conta. Non predican o que as Escrituras lles ensinaron. Se non, saberían que a verdade fai persoas libres.
Pero tamén hai moitos outros, que aprenderon nas mesmas Escrituras, outra humanidade diferente. Gumersindo de Estella tivo que soportar 1.700 execucións nas tapias de Torrero, en Zaragoza. Pensaba diferente e as súas opinións mandárono a un destino cruel. Recolleu no seu diario o nome e apelidos de todos os fusilados naquelas tapias. Agora adicanlle unha praza en Zaragoza. Humilde e discreto, deu alento e axuda espiritual aos condenados, e noticias aos familiares. Nunca foi xuíz. Foi un ser humano compadecido da inxustiza allea.

De Roucos e rencores

Te puede interesar