A NON POLÍTICA

|

Os debates do estado da nación é o que teñen. Unha posta en escea onde se miden aplausos, vitores e xestualidades. O que goberna fala do ben que lle vai e das moitas felicitacións que recibe dos países europeos, a pesar do mal que llo deixaron os anteriores. Os da oposición, críticos, inciden no negativo e propoñen pactos que teñen a condición do bálsamo de Fierabrás, que prometen curar calquera desaguisado.

Dende fóra, os cidadáns asisten con desconfianza. Saben que estamos baixo o dominio da non política. É dicir, o Goberno só se preocupa dos axustes, dos recortes e da austeridade, axudándose de presupostos desinversores. O Goberno ten renunciado explícitamente a facer da política unha arma que xenere motivación e reactivación social e económica ante a crise. A súa vocación é a de ser oposición da oposición. Os problemas sociais queiman moito e non dan bós titulares. A cidadanía navega entre a frustración e o desánimo, agravado pola ausencia de portas de emerxencia que permitan poder aferrarse a algo para sobrevivir. Xa nin a utopía existe. Esa que a medio prazo, acababa por convertirse nun novo logro social que reforzaba os valores democráticos e repartía os seus efectos entre os cidadáns.

Neste debate, distinguimos con claridade as políticas de máis do mesmo do Goberno, o pasado como excusa, e as boas intencións da oposición. Pero tamén reflexa a ausencia de liderazgos novos e ilusionantes. E amplifica moitas doses de disimulos, cartón pedra e teatralidade. Rajoy non falou de Bárcenas. Nin dos seus papeis. Nin deu solucións nin esperanza. Non puso sentimento no que importa.

A NON POLÍTICA