Auga na especulación financeira

No ámbito da economía, especulación é toda operación comercial ou financeira baseada na previsión ou no coñecemento dos cambios que van experimentar os prezos. Obvio é que o concepto inclúe tamén o fenómeno dos riscos; e dicir, do que pode ser ou non.

Nun mundo no que adoitamos falar da economía especulativa fronte á economía real para situar fenómenos de crise internacional recentes, nos que a primeira citada que nos leva a imaxinar roles de xogos nun casino, movendo fichas dunha facenda irreal e ficticia, eclipsou á outra máis pegada á vida das persoas, dos pobos e do conxunto da sociedade coa que se fornecen postos de traballo estábeis e crea riqueza e benestar en base a elaboración de produtos, innovación e servizos útiles.

Así, ese ambiente enigmático, ás veces escuro e tortuoso, no que se desenvolve a mediación financeira da función bolsista, coa súa capacidade de crear cataclismos nas economías globais, non goza da mellor sona. Todo o contrario, é fonte de temor e desconfianza. Institucións de receo.

Velaí a sensación de alarma que vén de producir un insólito feito histórico que remata de suceder coa inclusión da auga na cotización do mercado de futuros de Wall Street, a icónica sanctasanctórum dos centros bolsistas globais, poñendo esta materia prima, fundamental para a vida, ao mesmo nivel que o petróleo, o ouro e outros bens da economía básica.

Máis aínda, para facer seguimento á cotización artéllase un índice que será a súa referencia mundial a partir de agora, collendo o prezo medio semanal das principais concas hidrográficas do Estado de California; incapacitando así o refraneiro que sempre nos asegurou que “auga que non has de beber, déixaa correr” porque de facelo os tratantes dos dereitos das concesións privadas deste ben natural, a partir do outorgamento público, deixarían de facer negocio.

Son os mesmos que, en opinión do relator das Nacións Unidas para o Dereito a Auga e ao Saneamento, xa “traballaron coa alimentación e produciron fames negras internacionais, crebando economías nacionais por especulacións a futuro con cuestións básicas da vida que afectan aos dereitos humanos”.

Algo terá a auga cando a bendín, dito popular que apunta a un futuro escenario de seca e auga escasa, condicionada pola crise climática, fonte de conflitividade bélica e dependencia do interese privado. É o mercado, “onde o león come ao cordeiro”. Escuro porvir para natureza e persoas.

Auga na especulación financeira

Te puede interesar