Das insoportables levedades

Vivimos en sociedades que fan da presa e da urxencia, un valor en si mesmo. Esquecendo que a maduración forma parte dun proceso de aquilatamento e construción persoal. E deixamos atrás valores que eran clave de arco nas estructuras das sociedades ben armadas. Estamos na dictadura da absoluta levedade intelectual e xustificamos plenamente calquera incompetencia inxustificable, recurrindo a males imaxinarios ou supostos, e sen autocrítica algunha nin propósito da enmenda.
Manexamos recursos multiusos que poidan disculparnos ante a falla de coñecementos, habilidades e destrezas, que evidencian erros manifestos. Estar importa máis que ser. Hai unha tendencia evidente a premiar máis as chegadas á meta, aínda que sexa saltándose pasos dos procesos, que a aprendizaxe e o esforzo de ir etapa a etapa, con rigor e criterio.
Dende certos espazos de impunidade e influencia, algúns compran prebendas e enchen currículums, para chegar antes e ter vantaxes inxustas que lles permitan incrementar poder e privilexios. Contan coa aquesciencia dolosa dalgunha universidade que non merece tal nome. Sentimos a urxencia e a necesidade de acertar ao primeiro intento e queremos quedar ben, sen medir nin o volume do continente, nin a medida do contido. Somos prisioneiros do dominio da banalidade e da inconsistencia.
Dáselle excesiva importancia a elementos prescindibles e normalmente aderezados con aliños grosos de zafiedade, vulgaridade e salvaxismo. Canta maior ignorancia, máis éxito. Propagamos mensaxes sen filtrar, sen importar os danos. Alguén inventou aquilo da necesaria xustificación dos danos colaterais como parte consubstancial de calquera proceso. Nunca hai responsabilidades. Nin perdón. Nin memoria...
Abrázame –pedíulle El– sintámonos un único latexo de paixón e harmonía. Debuxémonos, tracemos simetrias de pura xeometría elemental, pechados nun abrazo. Sexamos xuntos punto de partida, orixe de universo, camiños habitados e estacións de destino...

Das insoportables levedades

Te puede interesar