Inacción na crise climática

|

As noticias dominantes que falan do estada da catástrofe sanitaria que vive a humanidade afectada pola pandemia vírica, as decisións cambiantes de máximo impacto na vida persoal e social que adoptan os gobernos para minimizar o efecto do contaxio na poboación; e aínda, asuntos da política internacional coa ollada posta no balbordo das eleccións presidenciais americanas, deixa nun plano residual aspectos que doutro xeito ocuparían portadas da prensa escrita en papel ou abrirían noticiarios de televisión e radio. Entre estas, polo que representa de chamada de atención perante a opinión pública e, ao tempo, xeito eficiente de presión para mover recursos políticos, sitúase o proceso xudicial impulsado por varias organizacións ecoloxistas fronte á inacción do Goberno estatal pola “resposta insuficiente diante da emerxencia climática, fata de acción coa que se pon en risco ao país, expoñendo ás persoa e ao medio ambiente ante situacións de soportar e padecer as cada vez máis catastróficas consecuencias que trae consigo o cambio climático”. Un proceso xudicial, admitido a trámite no Tribunal Supremo, que se engade á presión internacional efectuada noutros estados de xeito similar nesta causa mundial.

Pídese á xente sumarse individualmente a este primeiro proceso xudicial polo clima, dentro dunha campaña, lembrando que “os incendios, as secas e as inundacións peninsulares son cada vez máis devastadoras”; e por iso “a presión popular e a xustiza serán as pancas que movan á iniciativa política” coa que cumprir o Acordo de París que pretende limitar o quentamento global do planeta a dous graos centígrados, e mesmo a 1.5ºC de ser posíbel, antes de rematar este século.

Noutro escenario, vén de presentarse na ONU o relatorio sobre os dereitos humanos a auga potábel e ao saneamento, evidenciando que a xestión privada presenta riscos relevantes no desfrute deste dereito universal, causada pola busca de maximizar os lucros das empresas beneficiarias das concesións públicas, o monopolio que se producen entre as entidades competidoras nas adxudicacións e o desequilibrio de poder, entre estas e os receptores do servicio á hora de fixar tarifas abusivas. Por iso, o Relator fronte a privatización defende a xestión pública respectuosa co dereito humano a contar con auga potábel e saneamento, en base aos novos modelos de xestión democrática sostidos no acceso á información, a participación da cidadanía, a transparencia e rendición de contas; e fundamentalmente a sostibilidade social, económica e medioambiental. Vieiro de supervivencia humana.

Inacción na crise climática