Paralos e facerlles frente

Verdadeiramente o conxunto dos recurtes principiados por Feijóo en abril do 2009 e seguidos no nível estatal por ZP,dende maio do 2010 e por Rajoy, dende decembro do 2011, xerou unha terríbel espiral de menos actividade, máis desemprego, menos recadación fiscal, máis recurtes e menor cantidade e calidade dos servizos públicos. Unha espiral suicida como a xerada pola política de austeridade do presidente Hoover nos USA dende fins do 1929 até fins do 1933 e que só salvou Roosevelt coa súa acción decididamente socialdemócrata do “New Deal”.

Diante desta suicida política da dereita conservadora o PSOE,campión canda Feijóo na xeración de desemprego, fai parte do mesmo problema e carece de credibilidade para liderar ningunha política alternativa, porque non foi quen a desenvolvela cando podía. Porque, en realidade, ZP asumiu as mesmas receitas ca o PP ao reformar os dous xuntos a Constitución hai un ano, coa finalidade de priorizar o equilibrio orzamentario sobre a creación de emprego, o crecemento económico e o benestar. PP e PSOE demostraron preferir o balanceo do “budget” á creación de “jobs”, en afortunada comparanza de Obama. É dicir as contas sobre a creación de emprego e riqueza.

A reacción do BNG e da coalición de IU e Beiras fronte esta enxurrada de empobrecemento e recesión inducida é “facerlles frente” e “paralos”. Resistencialismo xustificado na gravidade do momento histórico, mais que non achega, en ningún dos dous casos, propostas en positivo cara á construción dunha Galicia do futuro. Porque semella que a alternativa ás receitas da dereita non serán vellos modelos fracasados no Leste de Europa, Cuba ou Corea do Norte nin ocorrencias antisistema. A alternativa pasará por defender propostas eclécticas e mixtas, que faciliten o financiamento aos pequenos e medianos empresarios e o propio emprendemento empresarial, canda a blindaxe dunha sanidade,educación e servizos sociais universais e de calidade. É dicir, reformar e mellorar o sistema de economía mixta que xerou, na nosa Europa, a meirande concentración de riqueza e mellor reparto da mesma da historia do mundo contemporáneo. Velaí que non exista alternativa política a esta espiral de empobrecemento e recurtes sen propostas en positivo e centradas que vaian moito máis aló ca de “paralos” e de “facerlles frente”.

Paralos e facerlles frente

Te puede interesar