Cualificar a incerteza

|

Incerteza, estado do que dubida ou se atopa inseguro, é probabelmente a clase de ánimo máis común entre a xente á hora de afrontar os medos e temores sobre a evolución da pandemia sanitaria deste virus campante polo mundo planetario e, máis aínda, sobre o futuro que se abre a partir do que representa como choque psicolóxico, económico e social. A propaganda oficial do “todo irá ben” está esgotando o seu efecto placebo e por iso mesmo a propia Organización Mundial da Saúde, seis meses após de afrontar o confinamento colectivo obrigado, visto que a crise desencadeada e o seu impacto devastador non mostra aínda a fin do túnel, vén de elaborar un documento para guiar aos gobernos có propósito e obxectivo de contrarrestar o incremento da perda de motivación na poboación, especialmente no espazo europeo, evitando que cale a filosofía retranqueira que, en lectura totalmente errada, pode ser tirada dunha mítica frase do economista, J. Keynes, perante o pesimismo económico: No longo prazo estamos todos mortos. 

Por iso, aquí no ámbito estatal, as principais asociacións de ciencias sociais, incluída a Federación Española de Socioloxía, defenden unha resposta á crise que non pase só polo campo biomédico, por máis que resulte necesario e imprescindíbel e fose prioritario na primeira onda de contaxios, e demandan investimento e apoio público para abordar o estudo e avaliación social da pandemia vírica, conectando deste xeito co chamado da OMS antes referido. Camiño ignorado até agora, porén “os efectos da Covid-19 non se limitan ao sanitario senón que dende o momento inicial amosou a virulencia da súa dimensión social: sobre o emprego e o sistema produtivo; en materias de renda, mobilidade e outros aspecto das xeografías formais; e, tamén, nos aspectos que teñen a ver coas redes de solidariedade da cidades; xestións de datos, administración hospitalaria, estruturas familiares e proceso de goberno das administracións públicas”.  

Sabendo que “algunha persoas enferman e outras non, pero os efectos sociais da crise padéceos todo o mundo” precísase botar man dos saberes e dos técnicos nas ciencias sociais, conectados cos movementos cidadáns e coas comunidades vulnerábeis, para afrontar con seguridade a escolla do camiño de futuro que se abre nesta encrucillada dunha situación que, alén do perverso efecto na saúde dunha humanidade que debe seguir a salvar vidas, aprema manter viva a esperanza dun tempo futuro mellor. A vacina non será a panacea.

Cualificar a incerteza