A aconfesionalidade laica

Éinimaxinábel unha Galicia sen a invención apostólica ou o Camiño de Santiago, do mesmo xeito ca Roma sen a Sede de Pedro. Inglaterra e Escocia levan en cadansúas bandeiras as cruces de San Xurxo e Santo André, como nosoutros levamos no noso escudo o Sacramento de Lugo. A cruz define cadansúas bandeiras suiza, norueguesa, sueca ou danesa. Xa que logo, non se pode entender a cultura e a civilización europeas sen o cristianismo que constitúe a principal achega aos valores comúns da ética civil europea. Ao tempo, o cristianismo foi quen de enfrontar, hai xa moitas ducias de anos, a separación entre as cuestións políticas e relixiosas, separación que segue pendente noutras relixións monoteístas.
Malia todo isto, na Europa aínda non fomos quen a deixar de lado condutas incompatíbeis coa aconfesionalidade laica. Deste xeito, na Galicia e no Estado seguemos a celebrar Funcións do Voto, Ofrendas ao Apóstolo e funerais de Estado que non han ter acollida neste tempo, lugar e réxime político. Cameron, o premier británico, ven de defender unha volta a uns valores relixiosos que xa non son comúns a unha Britania pluriconfesional. Semella que confundimos a antropoloxía cristiá con rituais concretos que xa non integran toda a cidadanía.
Velaí a necesidade de sermos coidadosos en preservar esta aconfesionalidade laica, de xeito que ateos, agnósticos, cristiáns e membros doutras relixións poidan partillar uns valores convivenciais comúns, sen que uns ritos acaden prioridade simbólica sobre os outros. Agora ben, “aconfesionalidade laica” non significa “indiferenza laicista”. É evidente que o os diferentes cultos han ser considerados dende unha radical igualdade de trato que, porén, teña tamén en conta  cadansúa implantación e labor social. Polo que o labor social e a raigame popular das organizacións católicas non poden ser esquecidas.
O que si faría ben a Igrexa Católica sería esquecer esa mistura visual entre relixión e civilidade que se segue a dar nalgúns actos públicos e que prexudica, máis ca a ningunha outra cousa, á singularidade e autenticidade dos propios valores cristiáns.

A aconfesionalidade laica

Te puede interesar