Defensa do galego, defensa da veciñanza

|

Esta semana tivemos pleno en María Pita e no seu transcurso desde o BNG defendemos, como adoitamos facer, os intereses da veciñanza e os dereitos daqueles bens prezados que nos definen como nación, neste caso a nosa lingua, o galego.

Si, na mesma sesión plenaria pedimos ao Goberno Local que atendese as demandas das veciñas e dos veciños da Agra do Orzán para no barrio teren un parque público digno de tal nome e, ao tempo, reclamamos que se desen pasos decididos cara a dotar o Concello dunha Ordenanza do Galego. Nese mesmo sentido demandamos que na denominación oficial de Emalcsa, unha empresa municipal, se respectase de vez a única forma legal do topónimo da nosa cidade, a galega. E é que a defensa dos dereitos das maiorías sociais e a protección do galego son as dúas caras da mesma moeda. 

Se non termamos daquilo que nos define no mundo, e nada nos define máis que o noso idioma, mal poderemos ter conta da nosa base material, do patrimonio físico, que como sabemos na nosa cidade sempre está en serio risco de ser pasto da especulación.

Vaimos ao concreto do que debatemos en María Pita. Agra do Orzán. Perto  de 30 mil habitantes. Unha densidade de poboación comparábel á de L’Hospitalet de Llobregat, a maior dentro da UE. Ese é o espazo para o que a veciñanza pide un parque público merecente de tal cualificación. Pois ben, a proposta que levou o Goberno Local ao Pleno para a mudanza do PXOM en relación ao Parque da Agra defraudou as nosas expectativas e tamén as dos veciñas e veciños, porque, a pesar de introducir melloras a respecto do deseño que manexou a Marea Atlántica no pasado mandato, estaba lonxe de dotar o barrio das zonas verdes que precisa. E non porque non houbese alternativas. Si que as había, como se encargou de consignar a miña compañeira Avia Veira na súa intervención. O Goberno Local podía ter contemplado a hipótese de transferir edificabilidade a outras zonas da cidade ou mesmo negociar a compra dos dereitos de construción cos propietarios do solo. O Concello ten suficiencia financeira para facelo. Era simplemente unha cuestión de vontade política, de escolla da mellor opción. A opción polas zonas verdes e non polo cemento. Mágoa que a escolla non fose a mellor para a veciñanza.

Con bon criterio, o Pleno rexeitou esa proposta de modificación do PXOM, así que o Goberno Local debe reconsiderar a súa posición. Pode aínda abrir un proceso de diálogo franco coas veciñas e veciños e atender as súas demandas. E o que agardamos. Porque é o xusto para un barrio historicamente postergado na nosa cidade.

Como tamén é de xustiza que o Goberno local tome as medidas precisas para que a denominación de Emalcsa deixe atrás a deturpación e abrace o nome oficial da cidade e para que, ao mesmo tempo, e como anunciou o seu portavoz, abra conversas con todos os grupos para elaborar unha Ordenanza do Galego que normalice o status da nosa lingua no Concello.

Unha cidade a favor das maiorías sociais, máis verde, vivíbel, con menos cemento. Unha cidade en que o galego, a nosa lingua, circule libre e normalmente. Esa é a cidade que aspiramos a construír entre todas.

Defensa do galego, defensa da veciñanza