“50%”

|

Facía publico, estes días, a patronal da hostalaría; que a nivel estatal contaban con facturar preto do 48% menos que no 2019. Supón unha perda de 15.000 millóns de euros no sector, un dos máis fortemente castigados pola crise. As medidas para paliar as curvas de contaxio teñen, en boa lóxica, que regular fortemente e sen medias tintas a interacción das persoas na hostalería e comercio. Son o sector do 50%. A maioría das medidas son reducións nesa porcentaxe: 50% de aforo, 50% nas terrazas, 50% co comedor, mais non é o 50% nas cargas impositivas nin nos gastos para os empresarios.

A Mariña primeiro, agora Ourense e no camiño Lugo e Coruña foron testemuña das medidas restritivas para remediar a transmisión da COVID. Medidas acertadas na súa aplicación e que xunto coa responsabilidade social foron dobregando a propagación. Á publicación no DOGA das medidas acompañouse sempre dunha exposición técnico política das autoridades sanitarias. Desde a óptica da xestión científica e médica, porén a crise ten máis vertentes que non son atendidas nin resoltas nesta situación de repunta, ou segunda onda. Boto en falta a comparecencia tamén das distintas administracións con competencias en traballo, economía e seguridade social. No tería máis lóxica que nestes peches selectivos de Concellos e comarcas no canto de reducir prazas e fomentar terrazas se fixese un peche total do 100% da hostalería e comercio? agás claro os esenciais. Acompañando aos peches de axudas e compensacións para os pequenos propietarios e autónomos, que supoñan unha balsa para evitar os gastos de actividade, que son os mesmos de antes, cando a capacidade de traballo é do 50%. A maiores seguro que é máis efectivo para evitar o contaxio.

Toca poñerse na pel de eses emprendedores dun negocio pequeno ou mesmo familiar con varios traballadores, as restricións obrigan a abrir, xa que non podes ir a un ERTE por días e manter aos traballadores, pagar taxas, subminístros e impostos para no mellor dos casos ter unha capacidade de recadación do 50% que non é tal, xa que a situación non fomenta o consumo. Non sería mellor compensar os días ao persoal e as taxas á empresa e non abrir. Eu coido que si, e penso que dende o goberno central tense que reformar o marco normativo para recoller esta “nova realidade” das relacións laborais e da xestión empresarial, que no caso de repunta non comprometa a viabilidade da hostalería e do comercio de barrio, ese que fai a identidade das nosas vilas e cidades. 

“50%”