De opinións e barbarie

|

Meu amigo Xaime, orixinal e con fondura, insiste na proposta de creación dun departamento adicado ao seguimento e catalogación de profesorado fósil nas universidades e institucións. Incluso na posible creación de rutas guiadas por cada un dos centros de traballo, para coñecelos no seu propio hábitat. Tales fósiles que reúnen características e pelaxes moi rancios, tanto, que acaban por contaminar a razón e o pensamento crítico, sofren de incontinencia verbal, soberbia desatada e suplantan aos xuíces xulgando e condenando, esquecendo a ortodoxia e a pluralidade que debe caracterizar a todo formador de formadores.
Meu amigo Xaime, que sabe do divino e do humano, acerta cando dí que podería un sorprenderse da cantidade de especímenes que poderían formar parte deste recorrido. O triste desta circunstancia  é que só saian á luz pública cando alguén con criterio decide denuncialo. E nunca por ser detectado polos controis do propio sistema educativo.
Nestes aciagos días, nos que o Goberno de Rajoy e Wert elimina Educación para a Cidadanía, descubrimos o imprescindible que resulta ter unha materia que forme nos valores da convivencia. Que fale do diverso e do respeto; da tolerancia e da pluralidade… Son malos tempos para a lírica, pero semella que tamén para a loita contra a violencia de xénero, a pobreza, o racismo ou todo o que sexa diferente. Circunstancias coma esta deberan ser a excepción. Pero moito me temo que, baixo a coartada da crise, amparados na frustración, circulan sentimentos que alimentan a pedantes defensores dunha moral superior; a pseudointelectuais a mente parcial, e a perigosos buscadores de chivos expiatorios... Recuperando uns tempos de escuridade e barbarie.

De opinións e barbarie