O anticatalanismo primario

Sectores importantes da sociedade española, nomeadamente da madrileña manteñen a respecto da periferia, das realidades nacionais catalá, galega e vasca, unha relación de polos opostos, unha dialéctica de amigos contra inimigos, onde é imposíbel cooperar para gañar ti e gañar eu. Percébese coa negación ao chamado dereito a decidir dos cataláns e percebímola tamén a respecto de Euskadi. Algúns dirían que esa dialéctica non existe a respecto de Galicia. Mais velaí temos feitos como a prohibición da construción naval civil até 2015, a desatención das nosas vocacións produtivas fronte ás mediterráneas, castelás e andaluzas dende 1985 ou mesmo a oposición, tinxida ás veces de falso paternalismo, a consolidarmos NGB como oferta bancaria de noso ou a defendermos sectores empresariais galegos emerxentes, como o das enerxías renovábeis.
As elites españolas que viven do capitalismo castizo do BOE teñen claro os seus territorios “amigos”: Madrid, Valencia, Murcia e, no que atinxe a manter o equilibrio de rendas e o predominio cultural, Andalucía. O resto, como dí o constitucionalista galego Carlos Pereira Menaut, somos prescindíbeis. Ou, en acertadas verbas de Iñaki Anasagasti: “extraños”.
O Congreso desbotará mañá a proposición de lei orgánica para que a Generalitat poida convocar un referendo o 9 de novembro, co que ficará xuridicamente pechada esta vía e só será posíbel, no ámbito das competencias exclusivas da Generalitat, convocar unha consulta non vinculante. Mais semella que esta dinámica de enfrontamento entre cadansúas maiorías parlamentarias catalá e española non pode demorarse indefinidamente.
Porque, se unha parte ampla do eleitorado dun país que integra un Estado quere decidir a respecto da relación ou integración que quere ter con ese Estado, mantendo a vinculación europea, é moi difícil resolver a cuestión, apelándose  só a Constitución e sen xerar en Cataluña máis insatisfacción e desafección.  Non ha dúbida. Terá que intervir a política, a conciliación, o “win to win”, máis cedo ca tarde.

O anticatalanismo primario

Te puede interesar