Dos tempos e das témporas

Dende que o mundo é mundo, todo ten o seu tempo. Non precisamos das leccións do Eclesiastés, para lembrar que sempre chega o tempo de sementar ou de recoller. Nos tempos políticos, cada catro anos hai unha  oportunidade para empezar tempos novos.
Para pechar unha aposta que non estivo a altura do que se demandaba. Son explosións de ilusión que rematan con profundas decepcións. Son oportunidades inmellorables, para reflexionar sobre o moito prometido e o escasamente cumprido.  
E para actuar en consecuencia. Ao longo de cada lexislatura, temos puntos de inflexión de protesta, de celebración e de abraio. Intres que non podemos canalizar máis que nas conversas con amigos, ou mastigalos un para si mesmo, rumiando tantas desazóns como a realidade  nos foi impoñendo, variando dende a sorpresa ata o desencanto.
Pero agora é tempo de pedir explicacións e de evidenciar a sintonía ou o desacordo daqueles que tiveron a oportunidade de gobernarnos ao longo destes  anos.
Os convencidos, os esquecidos, os defraudados, os que perderon oportunidades e empregos, os que quedaron sen axudas e becas,  os enfermos e os maiores do copago sanitario, os parados, os emprendedores sen emprendemento, os desprazados,  os  emigrantes e os retornados..., teñen o día 24 outra oportunidade para cambiar as cousas nos Concellos de toda España e nas Comunidades nas que haberá votacións.
Despois, será tarde. Dende o voto e co voto, podemos construír mundos mellores, esixir dereitos e priorizar inversións. Non hai realidades inmutables, nin males eternos.
Os destinos dos pobos pasan polas decisións soberanas dos seus cidadáns. Dende a liberdade e a responsabilidade, toca iniciar un novo ciclo.
Que o corazón e a conciencia nos axuden nesta tarefa.

Dos tempos e das témporas

Te puede interesar