Terra asolagada

Académicos de gran prestixio científico, con praza docente en distintas universidades polo planeta adiante, veñen de insistir no achado dun continente asolagado baixo as augas do Océano Índico, por nome Mauritia; proclama non exenta de liorta no ámbito mundial dos expertos na materia. Para alén da discusión entre investigadores internacionais, causa a xulgar na que o tempo ditará sentenza final, no asunto existe unha alegoría dos tempos actuais que permite ver na forma adoptada pola natureza xeolóxica unha explicación dos comportamentos no mundo terreal emerxido das augas mariñas. A comezar por esa opción, do tal continente, a situarse nun xeito de contabilidade B; e dicir, operar no ámbito soterrado, fóra da vista humana. Agochado. 
Este anaco de terra ben puidera estar desaparecido polo menos dende fai sesenta millóns de anos ao desprenderse da illa da que toma a súa referencia toponímica, cifra que chegaría a douscentos millóns se relacionamos a múltiple ruptura do gran continente do que saíron os actuais América do Sur, África, Oceanía, Antártida e a India, esta última parte do común continente asiático. Mellor xa non contar anos se partimos do momento da unión total do cacho de terra a flote, ese mítico Pangea, orixe de todos os diferentes lugares do mundo de hoxe en dia. Sexa cal for, Mauritia estivo ben cómodo asolagado polas augas oceánicas ata que ese teimoso grupo dun peculiar CSI, utilizando técnicas forenses, deron co seu escondedoiro a partir do rastro duns minerais chamados zircons que conteñen trazas de uranio, torio e chumbo. Non hai ben que millóns de anos dure. O rexistro de procesos xeolóxicos é un delator que amosa data certa.
Nada a ver coa circunstancia do asolagamento das terras que houbo que botar a perder para os usos agrícolas, das aldeas derrubadas e do patrimonio cultural destruído ao estilo do Castro Candaz que vén de emerxer das augas encoradas na presa chantadina de Belesar, para erixirse en símbolo de denuncia grazas á seca que ten producido a climatoloxía atípica deste singular outono galego. Tanto foi o sacrificado e nada o recibido en troques, todo o contrario co prezo da luz pola nube. Iso se non consideramos compensación o trato de favor que supón colocar no Consello da Rede Eléctrica a un afamado político ferrolán, facendo uso desa vía de emprego que simplificamos no concepto de porta xiratoria, con retribución por centos de miles de euros. 

Terra asolagada

Te puede interesar