O normal é o principal

Falan e falan e falan, sen calar nunca e sen dicir nada. Son profesionais da política, armadanzas que pasan boa parte da vida sen escoitar aos outros, sen mirar para os outros, sen interesarse por nada. Son como son, incluso, en moitos casos e circunstancias, malvados e malvadas, facedoras de mal sabéndoo, pérfidas. Moitas destas persoas estarían mellor caladas, observando o zoar do vento xélido que vén da dereita e da esquerda e que non para. Precisamente, por non parar, amordaza, atemoriza e reduce todos os outros movementos. Deixa á sociedade consternada, enterrada no abismo, nese lugar profundo a onde non chega a imaxinación de ninguén. 
Sempre se presentan ocasións para calar, pero moitos dos que andan na lapexada teñen que seguir a leria, non poden parar aínda que afoguen. Que tristura! E, se non afogan, teñen que seguir ata rebentar ou ata que estoupe o pobo. 
A conciliación de intereses preséntase cada vez máis difícil, uns seguen un camiño e outros van na contra. En todo caso, os homes e as mulleres da política parece que non ven máis lonxe das inmediatas eleccións e só cambian o punto de mira cando chegan as seguintes. 
E, cando é tempo de votacións, os cidadáns que pensan?, que pensamos? Igual ca sempre, esperan que veñan tempos mellores, para que a xente poida vivir mellor, para que os nenos e a mocidade teñan escolas, colexios e universidades de calidade, para que o sistema sanitario non se deteriore e as pensións sexan normais; para que os salarios permitan unha vida normal, cun sustento normal, en casas normais, en tódolos lugares, vilas e cidades do país, cada un no seu, que tamén debe ser normal. 
Falan cos ollos, falan e repiten o falado. Queren darlle importancia ao que din cambiando de ton, len o discurso con máis énfase, estiran o corpo enteiro, alongan e encollen os brazos e os dedos das dúas mans. Fan constantemente filigranas verbais e corporais. 
Aquelas persoas que andan na política repiten mil veces as mesmas frases baleiras, modulando, como mellor poden, a linguaxe corporal, intentando transmitir emocións, sentimentos e receptividade do pensamento daqueles que configuran o auditorio. Aí está, amigos lectores, o normal debe ser o principal.

O normal é o principal

Te puede interesar