Sen mirar atrás

|

Díxeno o outro día e é así. Teño moito que traballar como para andar mirando polo retrovisor e analizar quen estivo detrás de certas políticas ou actuacións que non funcionan. Ao final gobernar é tan sinxelo como ter un pouco de sentido común e non caer en vicios pasados. Creo que a estas alturas da política, a oposición, as catro forzas representadas no Concello, saben que teñen un equipo municipal aberto a escoitar e agradezo que neste tempo as catro se sumaran a este clima de diálogo porque só así se poderán superar tensións que non levaron nin levan a ningún lado. Pouco o nada poden beneficiar a unha cidadanía que pide melloras na súa vida e está farta de tanta guerra dialectal. Desta forma de facer as cousas e non atrancar, temos xa resultados a nivel local na tramitación de licenzas e en proxectos compartidos como o desbloqueo por parte de Xunta e do Goberno local da estación Intermodal. Nestes 100 días, fomos capaces de facelo e de intermediar tamén co estado co fin de comezar as obras de acceso á infraestrutura que modificará para ben a mobilidade da Coruña. 
Nestes primeiros 100 días, alcanzamos igualmente un acordo inicial para conseguir que a área metropolitana funcione como un todo, que se atenda desde a creación dunha normativa que así o rexa á realidade actual na que un coruñés traballa en Arteixo, ten a súa vivenda en Perillo e gasta en ocio e gastronomía nos locais da cidade. Para que todos estes fluxos se movan e xeren economía, as administracións debemos unificar e dar resposta ás demandas de transporte ou tratamento de lixo e que a comarca sexa un único corpo. 
Non teño máis que agradecer aos partidos a súa boa disposición para propoñer en mocións iniciativas que espero non queden en papel mollado. No último pleno, déuselle saída a unha moción para traballar conxuntamente sobre os terreos do porto e una segunda pola que se tratará de recuperar a Casa Cornide como patrimonio público. Son dous exemplos do que queremos neste mandato. Que esta sexa a norma xeral e non a excepción porque creo que a maneira máis construtiva de acadar bos resultados. Pensando en común e recoñecendo o que se fixo ben, mantelo e melloralo no caso de que pida certos retoques. En parte por isto están atascadas as principais asignaturas pendentes. Esa falta de diálogo lastrou o crecemento e a perda de confianza, e o cuestionamento dos procedementos na administración fixo que non se avanzara na contratación e na tramitación de permisos. Pero non quero perder o tempo falando en pasado. Pasou a tregua oficiosa dos primeiros 100 días e toca tempo de traballar. Sen mirar atrás.

Sen mirar atrás