“Atlantic” de Xurxo Gómez-Chao

"Atlantic O8º23’45,6 / N43º22’ 16,86” é o título da mostra actual de Xurxo Gómez-Chao, na galería Moretart, a cal forma parte da serie “A paisaxe difusa”, na que a gran protagonista é a natureza, pero enfrontada desde unha perspectiva que poderíamos calificar de romántica, na que o que conta é o sentimento de inmensidade e de misterio cósmico, ese conmocionado asombro diante do inabarcable configurado polo ceo e o mar.

Así, a paisaxe deixa de ser un escenario idílico e humanizado para se converter nun espazo sobrecolledor, nun territorio de metafísicas profundidades, enfronte do cal se adiviña a ollada dun  contemplador  abraiado que pregunta, dende a súa pequenez física, polo sentido do ser e que quizais descubra que tamén no seu interior habitan descoñecidas vastedades.  Hai nestas paisaxes un  saudoso i expectante silenzo, unha maxia de solitarias e bretemosas lonxanías que prometen maravillas ocultas, como na obra “Uns peixes que non ves saltan fora da auga”, onde un mar, en aparente calma, promete un primeiro plano de escuros e abismais azuis.

A poética do que se agocha detrás de neboentos e etéreos velos está presente tamén na obra, “Esa néboa que cobre o mundo para que poidamos ver os nosos soños”,. na que a areosa praia funde os seus límites cos da lixeira grisalla. En “O que se ve...o que se imaxina” os acenos da inmensidade aberta aparece simbólicamente representados por un amplo e aberto  mirador de pedra abeirado do océano; co ilimitado horizonte de fondo; de maneira que suxire que non hai cancelas, nin peches posibeis para a imaxinación creadora. A natureza ven a ser así un espello no que mirarse, un lugar con alma que, o mesmo que ocurría cos poetas e pintores románticos, tanto nos pode ofrecer gozosas latitudes e ensoñadores viaxes que tremendos abismos e forzas poderosas. Desas indomeabeis forzas da fe o tríptico “Limites”, no que recolle as impoñentes masas erosionadas de graníticas rochas que falan, por sí solas da loita eterna dos elementos e da capacidade destructora do tempo.

Deste mesmo poderío testemuñan os  impresionantes cumios da” Pena do Castelo”, da Ribeira Sacra, tremendos picos de montes  cubertos de liques que dialogan coas pasaxeiras nubes; quizais é aquí onde a atracción do alén tan de noso e tan impresa no sentimento de X. Gómez-Chao se expresa con máxima intensidade. Tamén se pode adiviñar a atracción do abismo (como xa titulara nunha exposición do ano 2011), ese abeiramento do grande misterio da vida i esa chamada do absoluto que conmove as azuis inmensidades de “Mil brazos de añil profundo”; que sacude as augas escumosas de “La grande vague”; ou que nos deixa sin mais conmocionados de atlantismo, como na fotografía que da título a mostra “Atlantic”, na que recolle todas as incitacións do  espíritu saudoso e inquedo do noso ser, sempre abrindo  imaxinativos periplos  para viaxar cara as lexendarias terras dos hiperbóreos, abeiradas do utópico mar de ningures.

 

“Atlantic” de Xurxo Gómez-Chao

Te puede interesar