Maribel Valdivieso, no Colexio Oficial de Médicos

|

A pintora coruñesa Maribel Valdivieso fixo estudos de pintura na antiga Escola de Artes e Oficios, de serigrafía no CIEC de Betanzos e de fotografía no Macuf e na Escola Pablo Picasso, pero, sen dúbida, foi coa pintora Ángeles Lloveres, a cuxo estudio acudíu durante máis de vinte anos, a súa mestra principal.  

É esta, precisamente, a que no ano 2007 definía así o seu temperamento artístico:”Maribel es siempre una sorpresa: su espíritu inquieto le hace estar siempre innovando, investigando, no se conforma con lo convencional...” Da fe desta opinión  a súa exposición actual no Colexio Oficial de Médicos “Retrincos da natureza” que ten por protagonista principal, como o título anuncia, a  nosa paisaxe de outeiros, carballeiras e fragas, aínda que a atenta mirada da súa obra descobre que o motivo é só unha incitación de fondo para darlle  canle a unha expresión libre e persoal, na que a idea do xénero pictórico da paisaxe se dilúe nunha expresión plástica potente, de cores vivas, trazos amplos e enérxicos, a veces mui empastados, e sobre todo, de formas simplificadas que nos fan lembrar aos esquemas de base propostos por Cezanne. 

Chaman a atención, especialmente, os  grupos de copas de  árbores  que semellan apiñoados racimos de esferas e os ondulantes espazos de abertas  leiras que os rodean. Outra característica do seu quefacer é a intensidade cromática, sobre todo de  vermellos, verdes, laranxas, marelos... artellados en ben dispostos e matizados campos de cor que a pincelada ampla e vigorosa contribue a reforzar. Cantan así estas paisaxes a exultante vitalidade da nosa terra, ben alleas á tradicional e tópica saudade, aínda que as veces, deixa escorregar, polo medio das espesuras, unhas misteriosas e noboentas luces ou ben tinxe o horizonte con ceos dun celeste grisallento. 

Maribel non pinta o que ve, pinta o que sinte, inventa a paisaxe ou, máis ben fai uso dela para facer voar polo lenzo apaixoados ritmos de cor e emocións íntimas da alma, para “ provocar- como dixo Felipe Senén- sensacións .aromas,, calor, frío, sabores, recordos e alegrías...”. Na súa pintura cúmplese aquelo que afirmaba Murguía de que o pintor galego ten por natural instinto o sentido da cor..Nunha liña diferente, de clara denuncia, sitúase o políptico de fotos  no que as azuis ondas mariñas  tíñense de negro chapapope e de navegantes plásticos. 

Espectacular é a foto dun enorme carballo cuxa imaxe se duplica, por efecto do reflexo na auga, sen que se poida distinguir cal é a imaxe reflexada e cal a real.. Completan a mostra un grupo de pequenos collages nos que establece contrapontos entre conocidas imaxes de pintores, como: Vermeer, paisaxes, peixes, ollos, reloxios  ou figuras humanas partidas  que dialogan  para rnostrarnos as segredas relacións da realidade ou a NECESIDADE que nos encadea, como reza un deles. Cos románticos, a paisaxe deixa de ser un telón de fondo para se converter nun sentimento participativo, animista, mesmo místico as veces; é esta fonda comuñón a que nos transmite M. Valdivieso.

Maribel Valdivieso, no Colexio Oficial de Médicos