TOMARNOS EN SERIO

|

Alista de agravios e comparacións vexatorias para os galaicos segue. A última vén da boca do alcalde de Barcelona, un tal Xavier Trías, que nin sei se é converxente ou unionista ou simplemente un charlatán dos moitos políticos que disertan polo Reino adiante. O suxeito este di que o AVE a Galicia é unha infraestrutura de dubidosa rendibilidade e que, polo tanto, habería que destinar os euros do seu investimento a outros proxectos, por exemplo, digo eu, a reflotar Spanair, subvencionada polo consistorio da cidade condal.

Un xa está un pouco farto de que desde o politicastros das estepas españolas e vertentes mediterráneas recorran a Galicia como exemplo do malo, e máis vindo dunha autonomía que non destacou nos últimos tempos pola súa contabilidade sensata, que se remonta aos disparate dos Xogos Olímpicos que xunto co final da Expo de Sevilla marcaron o inicio dunha nova crise, cando a metade do orzamento felipista destinouse a unha liña de tren de alta velocidade entre Madrid e Sevilla, simplemente para ir ás touradas da praza andaluza e da capital do Reino.

Nestes momentos nos que se cuestiona o Estado autonómico, o presidente da Generalitat, Artur Mas, reflexiona sobre unha verdade como un puño, que ven sendo que se crearon comunidades artificiais para contrarrestar a Cataluña e o País Vasco. Nin sequera se acordou de Galicia, que presuntamente é outro territorio histórico, aínda que non o pareza nin nunca chegue a sentirse como tal.

Nos anos vinte do século pasado creouse Galeusca, coalición de partidos nacionalistas das dúas comunidades históricas mais outra, a galaica, posta no medio grazas a Castelao, home de dereitas, por se algún do BNG non o sabe, que tiña o obxectivo de dotar de autonomía a esas tres rexións por razóns obvias. Coa restauración monárquica tras o franquismo o asunto perdeuse até que o BNG compartiu poder cun partido españolista na Xunta. De aí volveu haber actos e reunións do rebautizado Galeuscat, supoño que pola demanda do punto cat. Aínda que o pobre Anxo Quintana estivese sentado nunha cadeira na terceira liña da bancada nas festas da Diada, daba a impresión de que o feito diferencial teríase en conta, a pesar dos marxistas, leninistas, troskistas e maoístas do Bloque oían a defensa da propiedade privada dos cataláns de CiU e a exaltación vaticana do PNV.

Até houbo unha colación matemática entre estes tres partidos para o Parlamento europeo, pero como os galegos do BNG non levaron ben as contas, nas seguintes tiveron que baixar o nivel e aliarse con outros nacionalistas de segunda para compartir escano en Bruxelas.

As reflexións do alcalde barcelonés fan supoñer que sempre houbo unha man negra contra a alta velocidade ferroviaria galaica, o que me fai pensar que a ministra Álvarez e o de Palas de Rei, talvez agora Pastor, serán quen de concluír en datas normais o AVE galaico porque din os cataláns que non é necesario, xa que ninguén nos toma en serio.

 

TOMARNOS EN SERIO