A submisión non dá solucións

OGoberno central baralla coma hipótese que se comece a xerar emprego neto no ano 2020, e para este ano e o vindeiro está prevista unha queda do PIB do 2%, polo que seguirá medrando o desemprego. Galiza non será unha excepción nestes datos tan negativos, por máis que Feijóo, sempre capaz de dixerir as malas noticias que lle afectan á maioría, afirme que a Galiza vaille mellor que a outras autonomías e que será a primeira en saír da crise. Sen dúbida esta actitude é puro electoralismo, como pensar que axustar as contas públicas é o maior mérito, aínda que os sectores estratéxicos (como naval, pesca, leite, automóbil, etc.) estean pasando a peor crise da súa historia.

Cataluña para Núñez Feijóo é un desastre, cando polo nivel de desenvolvemento, salarios, emprego e condicións de vida está moi por adiante noso. Pensará que os galegos e galegas emigran por aventura e cos centos de miles que chegan a Cataluña fano por masoquismo. Aclaro, que Cataluña e o seu Goberno non son para min un exemplo, máxime cando son a copia autonómica do PP. En realidade a única diferenza entre ambos proxectos é manter unha actitude submisa ou non fronte Madrid, e así lle vai a cada un, como o lector pode comprobar acotío. O debate encol das competencias, da soberanía, non é un tema anecdótico nen sentimental.

Os orzamentos que se acaban de presentar, que ao presidente en funcións de Galiza parécenlle os mellores neste contexto, arrecenden a centralismo e conservadorismo. Rebáixanse un 12% as transferencias ás nacionalidades e autonomías, redúcense fortemente os medios para o ensino, sanidade, dependencia, cultura e desemprego, e asemade, non se actualizan as pensións. Por suposto os empregados públicos perden ingresos. E todo isto despois de aumentar drasticamente o prezo da electricidade e do gas. Ao que temos que engadir a suba do IVE e IRPF. Pola contra séguense gastando mil millóns en misións militares exteriores, e as grandes fortunas e grupos económicos seguen nunha situación de privilexio fiscal, e por se non abondara outórgaselles unha amnistía. Despois din que todos somos iguais?

A submisión non dá solucións

Te puede interesar