MEDICINAS NO COLECTOR

|

Nunha ocasión como persoa que sofre algún que outro mal, porque os galaicos non somos inmunes a case todo, despois de pasar polo facultativo, un individuo habilitado para estender receitas, dirixinme á farmacia a adquirir o medicamento. A dependenta pasou o cartón pola máquina e buscou os remedios capsulares ou solubles aos meus males. Mentres tanto, dei un paseo polo establecemento, curioseando nun e noutro estante á espera de achar algunha oferta de deterxente ou peixe conxelado, facendo bo aquilo que hai de todo en botica.

Cando por fin estou atendido e servido, aparece unha caixa de medicamentos que non me foran receitadas para o remedio actual. Dixen que había un erro e que esa non me facía falta e a boticaria, coa resposta máis que aprendida para estes casos, recomendoume que a levase e gardase ou a tirase no punto de reciclaxe de medicamentos, porque o sistema non permitía desfacer a operación. Eu non son almacenista.

Non sei se isto é austeridade ou irresponsabilidade. Que un medicamento que se inclúe no sistema non poida ser recuperado como venda errónea si que é malgasto e dispendio sen razón de ser. Non me estraña que a conselleira diga que se tiran toneladas de remedios. Claro que os farmacéuticos non deixan de ser un tendeiros, que ao final do día fan caixa, pero as medicinas que van a cargo dos orzamentos deben de estar máis controladas para evitar operacións equivocadas e computarse como porcentaxe de reciclaxe.

Non encontrei razón que neste momento tan tecnolóxico non se puidese retrotraer unha venda errónea e o que recomenden é tirar a caixa de medicinas nun colector, pero despois recordei as estatísticas de reciclaxe de medicinas. Galicia lidera a recollida de píldoras, titula a prensa de vez en cando, e non me estraña se todas a caixas de supositorios, antibióticos e calmantes teñen a súa orixe en erros no seu despacho. Iso é tirar cartos a o lixo, se non se reciclasen medicinas sería bo sinal de que a sanidade funciona mellor.

Este é un exemplo dos moitos que se dan no sistema sanitario. Outros máis sangrantes e onerosos para o erario de San Caetano é supeditar as intervencións cirúrxicas ao horario do anestesista ou especialista operador, que cancela ou atrasa o paso por quirófano do doente segundo lle conveña no seu horario, ben sexa porque marchas ás trece horas e non lle apetece estar unha hora máis reanimando ao intervido ou espera ao horario de tarde para cobrar as horas extras. Se o sistema o permite, fan moi ben, eles non teñen a culpa, os responsables son os xestores desta desfeita de gastos extras.

O máis fácil é culpar aos pensionistas de que abusan da sanidade, pero só hai que ir a calquera centro de saúde unha mañá de verán con mal tempo, un día deses que non se pode estar na praia deitado ao sol para comprobar que todos os turistas doutras comunidades están reclamando análises de sangue, ecografías e revisións que non chegan a realizar porque mellora o tempo, pero ocupan praza nas listas de espera. Máis control fai falta.

Cunha poboación envellecida, quen vai ser o que lle estenda una factura a un pensionista galaico unha factura por levalo a facer a proba do sintrón ou unha diálese. Se por aquí estamos nos niveis de benestar más baixos do Reino, cando nos cobren por todo estaremos xa caídos rodando pola pendente.

 

 

MEDICINAS NO COLECTOR