RAJOY CONTRA OS AUTÓNOMOS

Oano 2014 trouxo malas novas para os autónomos. Principiou a vixencia do réxime de caixa do IVE para aqueles que o escollan, que supostamente cumpriría a promesa electoral do 2011 de que os autónomos e pemes só pagarían o IVE cando o desen cobrado. E non hai tal, porque o sistema é impracticábel, ao vencellar tamén ás empresas que pagan as facturas. Aturan de bo grao as grandes empresas que a súa peme provedora lles vincule en todas as súas relacións coa mesma? Xa saben a resposta. A opción polo réxime de caixa conleva na práctica o carimbo de “empresa problemática”. Velaí a inutilidade deste sistema, cando en Europa había exemplos abondo de sistemas operativos. Das resultas desta mentira, menos dun 8% dos 2,3 millóns de autónomos e pemes que poderían optar por este sistema poderán usalo.
As pemes tamén sofriron a supresión da norma que lle atribuía ao Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) o pagamento do 40% das indemnizacións por despedimento obxectivo. E viron como sobía un 22% a cota mínima de cotización á Seguridade Social dos autónomos que operan a medio de sociedades mercantís, penalizando deste xeito a decisión xurídica máis acaída para garantir a separación entre patrimonio empresarial e persoal. Separación imprescindíbel para emprender con mínimas garantías. Ao tempo, os salarios reais minguaban e os impostos empresariais medraban coa implantación da cotización dos bonos para xantar de empresa e outros pagamentos “en especie”.
Rajoy e Montoro deixan en papel mollado as súas supostas medidas pro emprendemento e ratifican a súa fin de seguir a se financiar con cargo ás pemes e autónomos, canda os asalariados. Mentres, arrumban a precisa reforma do Imposto de Sociedades para suprimirmos as deducións que privilexian á grande empresa. Xusto o grande burato da recadación fiscal que está a pexar o Estado do Benestar.
O PP segue a lle dar as custas aos autónomos e pemes e a  privilexiar ás corporacións do IBEX 35 e demáis beneficiaros do capitalismo castizo do BOE.

RAJOY CONTRA OS AUTÓNOMOS

Te puede interesar