Morrer de frío ou de calor

|

Estes días bótase en falta a chegada de valentes turistas de cruceiro en pantalón corto, atraídos polo anticiclón dos Azores e polos ceos libres de nubes a solpores de encanto, pero nada, non aparece nin o primeiro, á penas un voluntarioso peregrino aparece polos carreiros camiñando entre a neve ou saíndo entre a néboa da mañá, aínda que tampouco se ven galegos polas rúas, que desde que temos calefacción xa ninguén nos coñece malia a que non a prendemos por aforrar. Un veciño veu retirarse a terras galaicas despois de servir por aí fóra. Entre características galaicas que esquecera era que por aquí vai frío de medo durante case todo o ano. Así que o primeiro que fixo cando regresou á aldea foi instalar un sistema de aquecemento doméstico alimentado por combustible fósil, pero despois de encher o tanque de mil litros de gasóleo decidiu que ese era un vicio caro e optou por pasar frío. Un día comentou que el aforraba moito en quentar a casa.
Outro elemento, destes que só existen por aquí, desinstalou a calefacción eléctrica por que lle supuña moito gasto en euros ao mes e montou un sistema alimentado por leña, ou por biomasa moderna. Este pobre home non pensou no paso do tempo e agora, xa de idade avanzada, case no ten forza para cargar cun tronco que arda durante quince minutos.
Un construtor, contratista ou promotor, en terminoloxía moderna, era dun avispado tal que un edificio que tiña á venda só ensinaba os pisos por dentro de dez a unha da tarde, con horario adaptado ao cambio de hora claro, porque no resto de tempo con dominancia do astro rei non entraba luz solar por ningunha ventá, fiestra, portelo ou reixa de ventilación. O s pobres compradores deses inmobles sofren os males da tarifa nocturna e a friaxe permanente.
É que os galaicos non estamos afeitos á calor así cometemos disparates cando entramos nun sitio caldeado e asinamos unha hipoteca ou compramos preferentes amparados por cristal que nos quenta o miolo. De modo que cando fomos ao Caribe, a segunda xeración volveuse revolucionaria e despois comunista, algo así como ao estranxeiro que narraba Camus, pero o exceso de chuvia tamén nos fai cometer loucuras, como aos esmorgantes de Blanco-Amor.
A fin de contas, nós non temos termo medio de frío nin calor. Pero as rúas da Habana son perigosas e hai que ter coidado coa vestimenta que se pon un, incluída a camisa cubana. A única verdade é que a roupa de agora abriga máis que a de antes, visto que os de máis idade repiten que hai anos ía máis frío.

Morrer de frío ou de calor