Polipartitos

|

Os debates sobre o estado da autonomía sempre son interesantes, aínda que haxa quen os considere aburridos, porque dan unha instantánea de como anda o país en ideas, proxectos e futuros. Porén, hai que dar algo de razón a aquelas persoas que os toman como unha penitencia que hai que exercer unha vez ao ano. Pero tampouco hai que enganarse, non se trata dun espectáculo televisivo de grandes audiencias e en realidade non interesa a ninguén máis que á prensa e tres ou catro ociosos, tendo en conta que ao día seguinte os titulares falan do gran anuncio de Feijóo de baixar o IRPF, como un día calquera.
Nos historia da autonomía galega sempre gobernou o PP excepto pouco máis de cinco anos nos que houbo un tripartito e un bipartito. O resto dos lustros que dirixiu a nave galaica foron os conservadores, con erros e acertos, con luces e sombras ou ben ou mal á penas coñecemos outra forma de facer política en Galicia.
O fugaz paso de González Laxe por san Caetano serviu para espertar o territorio dos bandazos daqueles gobernos de Albor, que tamén eran multipartitos. Hai que recoñecer que aqueles dous anos se converteron onde máis obras, proxectos e iniciativas se sacaron adiante. Coa chegada de Fraga a maquinaria administrativa tamén funcionou, pero daquela maneira, de feito tardou lexislaturas en botar a andar, até que chegaron Touriño e Quintana, dúas almas cándidas que non pegaban nin con cemento cola. Parece ser que os dous tiñan un proxecto a longo prazo e nin se molestaron en desmontar a cadea de servilismo que imperaba pola administración, de tal forma que antes de que pensasen algo xa o sabían no PP.
Malia a todo o anterior, non se pode botar as culpas da situación actual ao bipartito, sobre todo cando o primeiro que fixo Feijóo ao chegar á Xunta foi desbaratar todo o andado e comezar desde o último ano fraguiano, e dicir que se perderon case catro anos de traballo o que provocou que hoxe sigan se finalizarse as obras iniciadas ou proxectadas, así que outras iniciativas que xa estaban funcionando pero que, por gusto, houbo que cambiar ou cerrar co inherente gasto de cartos.
Así que botar a culpa aos polipartitos galaicos non é de recibo nin me parece correcto que o PP utilice sempre esa escusa en cada debate sobre o estado autonómico. Menos mal que nesta ocasión estaba Beiras para animar o ambiente, a verdade é que non defrauda, aínda que o seu discurso soe moderno a oídos da mocidade, os máis vellos xa o escoitaron centos de veces. As citas a Valle-Inclán, Pondal e outros son un clásico, como o do médico de Muxía.

Polipartitos