REXISTROS E IMPUTADOS

Ocaso da trama das operacións contra a corrupción nos concellos xa vai camiño de ser un esperpento sobre a situación á que chegou esta autonomía nas últimas décadas. Dá a impresión de que nada se salva da descomposición orgánica, nin as mesmas forzas de seguridade encargadas da investigación, que teñen que vir importadas da meseta, por se acaso, que aquí non se fía ninguén dos amigos.

A trama alcanza tal nivel de corrosión que o municipio santiagués vai quedar sen grupo de goberno. En meses, haberá unha porra popular para ocupar unha acta de concelleiro en Raxoi, porque a man de Conde Roa aínda vixía desde a web do PPdeG en Compostela. Nin a proximidade do cabido catedralicio poderá salvar as ánimas dos seres gobernantes da capital das corruptelas. Nas próximas eleccións locais, a historia profesional dos aspirantes a edís terá que reflectir un apartado de causas xudiciais pendentes, onde se sinale o recadro correspondente a imputado, testemuña ou condenado, especificando se é sentenza firme ou recorrible.

Hai anos había apostas cun alcalde sobre cando iría para o cárcere. O rexedor simplemente respondía que antes ca el ingresarían en prisión moitos outros. De momento, está no certo. Moitos galaicos pensábamos que da época da burbulla inmobiliaria, os presidios terían lista de espera; pero parece que non, que se van encher por dar aquí e alá algunha que outra concesión a cambio dun pequeno agasallo. O que dá que pensar que os nosos gobernantes locais teñen un prezo baixo, que só son favores de pouco nivel ou, o que sería máis grave, que os galaicos nos corrompemos por catro patacóns.

Segundo como avanza a actualidade, non estaría de máis que os integrantes das corporacións locais asistisen a un curso de verán sobre corrupción, suborno, lavado de cartos e tráfico de influencias. Profesores e doutores non faltarían, mentres non se demostre o contrario Luis Bárcenas ou o xenro do rei encherían as aulas difundindo o seu maxisterio e o modo de evitar que sexan descubertos, ademais de como actuar en caso de que ás oito da mañá aparece un coche da brigada de vixilancia aduaneira ás portas do concello.

Así e todo, o que máis me preocupa da trama corrupta é que os axentes leven documentación e computadoras das dependencias municipais. Non está fóra de lugar que pensemos que moitos funcionarios quedarán sen o seu instrumento de traballo e que poden extraviarse facturas e, co tempo, apareza unha orde de embargo polo non pagamento dun recibo da auga. E moi famosa a falta de custodia que teñen as forzas de seguridade sobre as probas, así que haberá que estar atentos aos extractos bancarios.

REXISTROS E IMPUTADOS

Te puede interesar