DE HIMNOS

En novembro do ano pasado publiquei neste mesmo xornal un artigo que se titulaba “Igualito”, no cal facía unha reflexión sobre as diferenzas nos comportamentos colectivos en Inglaterra e España en relación aos seus himnos nacionais.
Criticaba a pasividade do público de A Malata e a súa falta de respecto cara ao himno español no encontro sub 21 que nos enfrontou contra Bélxica. A pasada fin de semana, outra vez máis, acudín a un recinto deportivo acompañado dos meus fillos. Refírome ao partido de rugby celebrado no Estadio Das Pedreiras de Lugo, entre as seleccións de Galicia e o País Vasco. Por certo, partido que rematou cun histórico triunfo do XV do Toxo.
Unha vez máis e como mostra de respecto, indiqueille aos meus cachorros que se puxesen de pé escoitando os himnos vasco e galego. Máis do 50% da bancada escoitou os dous himnos sentados, sen gardar o silencio debido e algún nin sequera deixou de tomar pipas. Do mesmo xeito que no artigo ao que me referín anteriormente, onde criticaba esta actuación respecto ao himno español, agora mantéñoo respecto aos himnos vasco e galego.
Non acabo de ver unha intención política neste proceder do público, pero si unha falta absoluta de educación e de valores alarmante. A nosa sociedade cada día é máis débil porque entre outras cuestións non é capaz de respectar, xa non os símbolos alleos senón tampouco os propios. Unha colectividade que non recoñece a bandeira, o himno e os símbolos definitorios da súa propia identidade ten un grave problema que posteriormente terá as súas consecuencias na propia convivencia. O relativismo moral estanos a facer moito dano.
Unha bandeira non é un pano de cociña. Un escudo non é un puzle. Un himno non é unha canción de “Glutamato Ye-Ye”. Se as condutas descritas, pasivas todas elas, deben ser obxecto de preocupación; a pitada ou asubiada ao himno de España no Camp Nou  é unha actitude plenamente activa e consciente.
Vai máis alá da simple omisión educativa. É un insulto dirixido a mín, a vostede, ao seu pai e ao seu avó; e a toda a suma de emocións e recordos que implica escoitar un himno, teña este a consideración de nacional ou non.
O peor de todo, é que os clubes intervintes quedarán sen sanción e volverán participar o próximo ano nunha Copa dunha nación na que non cren. Isto só acontece en Spain.

DE HIMNOS

Te puede interesar