Das partidas

|

on as sorpresas que teñen os veráns. O que ocorre é que este ano 2020, empeza a resultar excesivo en todo o que propón. E aínda estamos en agosto. Dende o Covid-19 e os meses de confinamento, ata un verán tropical sen unha gota de choiva, ou que os ingleses poñan limitacións para viaxar a España, é como se a este ano verdadeiramente estraño, todo se lle estivera indo das mans. Non sei en que momento teremos coñecemento das verdadeiras razóns que orixinaron esta partida inesperada do emérito, pero seguro que forma parte dun fondo de decisións para evitar males maiores, en relación a Felipe VI. 
Na longa historia española, que algúns reis partiran ao estranxeiro, non é ningunha novidade. O que cambia é a razón ou as circunstancias que orixinaron este abandono do pais. Sabemos que non hai imputación algunha e polo tanto pode moverse libremente por onde considere. Pero sendo así, era necesario ese comunicado e esa posición? Semella ser algunha sorte de cordón sanitario para protexer a figura do seu fillo e da propia institución monárquica, pero ás veces da impresión de querer matar as moscas a canonazos. A exemplaridade ten que ser propia das Institucións e debe ser esixido a todo servidor público, e non pode haber espazos que permitan excepcións a esa exemplaridade. Non é de recibo que exista a figura legal da inviolabilidade, por iso é importante modificar a Constitución, tamén nese artigo 56.3. Nestes días escoitamos opinións cargadas de  especulacións, obviando dun xeito clamoroso que a presunción de inocencia, segue sendo a base do noso ordenamento xurídico. Tamén do sentido común.
Non é doado aprender a vivirte dende lonxe –dixo El– con esa debilidade de chama ante unha brisa, ou de inconsistencia de sombra cando ameaza o día... sei que todo o que importa e todos os paraísos, camiñan sempre contigo...

Das partidas