O efecto Matilda

|

Vimos de celebrar o Día Internacional da Muller e das Nenas na Ciencia, así proclamado pola ONU fai apenas un quinquenio atrás coa finalidade de acadar o aceso e a plena participación na ciencia para as mulleres e nenas, ao tempo de pular polo logro da igualdade entre homes e mulleres como unha prioridade global dos organismos mundiais, declarando un teórico apoio ás mozas, asúa educación e á súa total capacidade para facer oír as súas ideas como motores de desenrolo e paz no ámbito planetario. O papel leva ben calquera manifesto de boa vontade; cousa que non se cuestiona en modo algún e resulta absolutamente necesaria e tamén útil. Aínda así, a realidade continúa a ser outra cousa. Por iso, na conmemoración correspondente a este ano, lembrase o papel crucial das mulleres na loita contra o contaxio da pandemia sanitaria que ten alcance universal; acentuando o papel das investigadoras no coñecemento do virus e no desenvolvemento das técnicas que levaron á produción das vacinas para neutralizalo.


Recórdase, ao mesmo tempo, que a pandemia tivo un impacto moi significativo no colectivo de mulleres científicas Afectou especialmente ás que se atopaban nos inicios das súas carreiras; o que contribuíu a que se alargue a brecha de xénero existente na ciencia. Revelou novamente as disparidades de xénero no sistema científico; unha desigualdade que é necesario corrixir mediante novas políticas, iniciativas e mecanismos para asentar de vez ás mulleres, mozas e nenas no ámbito tecnolóxico e científico.


Unha reflexión que conecta coa iniciativa lanzada pola Asociación de Mulleres Investigadoras, AMIT, contando lo apoio do Parlamento Europeo, co lema “ Non máis Matildas”, facendo uso dun fenómeno, o efecto Matilda, denominado co nome dunha activista polo sufraxio igualitario e abolicionista que fixo denuncia do prexuízo en contra de recoñecer as achegas de mulleres científicas na investigación, cuxo traballo adoita atribuírse aos seus compañeiros varóns. Un efecto que se relaciona, á inversa, con outro, o efecto Mateo, xa que científicos eminentes reciben a miúdo máis crédito que un investigador comparativamente descoñecido, aínda que o seu traballo sexa conxunto ou similar. Daquela dicir “non máis Matildas” no é só unha cuestión de xustiza numérica e de falta de referentes para as nenas e mozas, senón de talento perdido e nomes esquecidos, de disciplinas e avances sociais con rumbo de xénero que teñen consecuencias moi negativas nas vidas persoais e na colectividade social. 

O efecto Matilda