“É hora de que determinados personaxes asuman que hai que cumprir as leis”

El Ideal Gallego-2013-10-15-017-b78eb0b7
|

Silvia Seixas é a voceira do BNG en Arteixo. Fai unha mención especial á “situación social que se vive”. Cre que parece que “desaparece por parte do goberno local a preocupación polo desemprego, polos recortes e polo risco de exclusión social dos veciños, e polas políticas que afectan á vida de Arteixo”.  

O alcalde di que a oposición os negades a negociar o ROM (Reglamento de Ordenación Municipal. É certo?
Está claro que goberna o PP do no. Din no absolutamente a todo e queren impoñer un estado de silencio o que non queren é que se decaten os veciños do que pasa. Non queren radio, non queren que se fale dos recortes en sanidade, en educación... Nin que a oposición fale e dea a súa opinión. Pagan miles de euros en anuncios en prensa que despois non levan a cabo. É un réxime ditatorial e se negan en rotundo a aceptar calquera alegación, como se demostra nas actas do pleno, que din non a todo..

O ROM está en período de alegacións. Que tres puntos lle parece fundamental que se cambien?
O horario dos plenos: teñen que ser nun día e hora no que poida acudir o número máximo de persoas posibles. Todo o relacionado cos debates na sesións plenarias: tense que poder falar de todas as materias que nos afectan. As gravacións porque as sesións son públicas. Ten que haber acceso e liberdade de ver e recibir información. Hai un interese no goberno local en impedir o acceso á información. Non queren que se enteren os veciños do que fan día a día e de como o fan.

Ca auga, Calvelo reprocha a inacción dos conselleiros públicos...
Estamos metidos nun proceso xudicial coas súas consecuencias. En público, o BNG sempre tratou de dar as menos pistas posibles para que Aqualia non se beneficiara de información. Fixéronse fatal as cousas dende a súa privatización e o BNG opúxose. E a partir de aí fíxose todo mal, e a culpa é do PP, porque foi un capricho privatizala, e darlle a adxudicación a unha empresa que presentou unha oferta desproporcionadas. O BNG vai intentar que o menos prexudicado sexa o Concello e cando chegue o momento de falar na vía xudicial, falaremos de toda a experiencia, alto e claro.

Ten medo das posibles consecuencias ás que alude Calvelo?
Non teño medo porque non se fixo nada ilegal. Tratouse de que funcionase e o Concello aportou moitísimos recursos económicos e infraestruturas. No BNG estamos tranquilos e diremos o que se nos pregunte. Da a sensación de que o alcalde quere obter unha rendibilidade política cun tema que provocou o PP, e o alcalde ten que asumir a súa responsabilidade. A mellor forma de xestionar un servizo é a xestión pública sen inventos de empresas mixtas ou pública, vamos sen chiringuitos. Si se quere que funcione un servizo ten que ser público, porque é máis próximo e máis eficiente.

Co último. Refírese a empresa que quere abrir o Concello?
Si, á empresa que queren montar e falan dunha falsa comisión. O que queren é un chiringuito do PP para escapar a certos controis da administración pública e xa o dixen. Quero unha xestión da auga pública e directa. Arteixo non se pode permitir máis experimentos e a historia demostra que non se fixo ben.

Foi o BNG quen denunciou a construcción da residencia de Monticaño e os tribunais déronvos a razón. Que lle parece que o goberno diga que se pode legalizar?
O PP actúa primeiro permitindo e patrocinando e promocionando un urbanismo salvaxe e especulador que non cumpre a lei como demostras as sentencias, e aínda pretende despois darlle unha solución de modo retorcido. O goberno ten que tratar a todos por igual e todos, incluído eles, teñen que cumprir coa lei. O café para todos só trouxo indemnizacións millonarias para o Concello e que foron advertidas publicamente polo BNG. Xa é hora de que determinados personaxes que se pasean por Arteixo, pensando que poden facer o que lles dea a gana, vaian asumindo dunha vez que as leis son para todo o mundo.

En abril anunciaban que levarían á Fiscalía o fraccionamento do contrato de axuda no fogar. Botáronse atrás?
Eu creo que as cuestións deben resolverse politicamente e non se deberían dar estes comportamentos. Este novo PP vai impedir que se resolvan no marco política. Parece que non temen a nada porque non son os seus cartos e mentres sigan así, o BNG se reserva o dereito de ir a Fiscalía, que debería actuar de oficio, porque con esa laxitude levounos a esta situación de corrupción estendida e no BNG vai defender o interese xeneral coa lei na man. Non desbotamos facelo e estamos a espera de que cheguen as últimas facturas que teñen reparos do interventor.

“É hora de que determinados personaxes asuman que hai que cumprir as leis”