“Sentinme moi afortunado de poder merodear pola memoria da xente maior”

xabier maceiras
|

Dende neno a fiestra do seu cuarto daba ao mar do Rañal, alomenos “ata que construiron o Porto Exterior, agora só vexo formigón”, afirma Xabier Maceiras. Criouse preguntando aos seus maiores por iso que chamaban “agasallos do mar” e as historias de mariñeiros e naufraxios. Agora, como un paso natural, sae á luz “O mar de Arteixo e os seus naufraxios”, cuxa presentación terá lugar o venres día 15 na libraría A Lus do Candil.

 

Canto tempo traballou neste libro?

Foron catro anos, pero o libro xa estaba desde moitos anos antes. Sempre me gustou falar coa xente maior e este tempo foi para mirar hemerotecas e escoitar esas historias.

 

“O mar de Arteixo e os seus naufraxios” é un compendio de datos de arquivos e memoria oral. Hai algunha historia que lle impactara en especial?

Dos pesqueiros dos anos 20 e 30. Eu non sabía que non tiñan seguro, non tiñan nada, pero había unha grande solidariedade. Impactoume como incluso facían unha recolecta no estadio de Riazor para axudar á familia dos falecidos do “Unión”.

 “O afundimento do ‘Artic’ e do ‘Oriente’ saen á luz por primeira vez”

“Impactoume que nos 20 houbo ata unha colecta en riazor por un naufraxio”

Destaca moito este tema da solidariedade...

Contesta con sinceridade. Se hoxe tes un accidente alguén te vai axudar? Non. Boto en falta eses tempos de axuda mutua e por iso fago tanto fincapé.

 

Conta que o afundimento do “Artic” foi o máis difícil de documentar, por que?

Costoime moitísimo. Moita xente falábame del, pero non aportaban ningún dato. Adolfo Vázquez recordaba que cando era crío o vira dende O Rañal e embarrancara no Reiro. Anselmo –Pardo– non soubo dicirme nin o nome, nin o ano... Dicía que fora polo San Brais, e ao final, fora a finais de xaneiro. Tampouco recordaban se fóra antes, durante o despois da guerra civil. Tiven que consultar oito anos de hemeroteca, a dous meses por ano e ao final apareceu nun artigo no Ideal Gallego. É un dos relatos dos que me sinto máis satisfeito pola búsqueda. De feito, este naufraxio e o de o “Oriente” saen á luz nun libro pro primeira vez.

 

Ofrece un bó número de anécdotas relacionadas, desde partidos de fútbol ata estrelas de Hollywood. Non terá algo que ver con futuros traballos?

O do partido si. Estou traballando na historia do fútbol de Arteixo. No caso da avioneta, o relato estaba terminado, pero pareceume digno de mención, porque non é algo que saiba moita xente que Leslie Howard –“Lo que el viente se llevó”– morreu preto de San Andrés de Teixido porque os nazis derribaron o seu avión. Co fútbol, é un traballo co que estoi moi ilusionado porque ten un montón de anécdotas.

 

Tampouco é moi coñecida a pesca de baleas...

Descubrín esta información coma o tema das colectas... Descoñecía que o porto de Suevos nacera para esta actividade e, de feito, chamábano o porto dos vizcaínos que eran os que dominaban este mercado. Ao igual ocorreume co volframio, poruqe en Arteixo, de maneira individual as explotacións non tiñan tanta importancia coma en lugares como Lousame, pero deron traballo directo a 400 persoas, e non sabía nada, salvo algún comentario.

 

Narra as historias con certa tenrura ata chegar ao Porto Exterior. Pode resumir os motivos da súa oposición?

Como dixera un técnico de Almudena Álvarez, foi un capricho de rico. Se hoxe se lle ocorrera algo semellante non se faría. Se querían retirar as mateiras perigosas da Coruña está Ferrol. Foi un despilfarro.

 

Dalle moita importancia á toponimia, ata adicarlle un capítulo nun libro de naufraxios...

É un libro sobre o mar de Arteixo, non só de naufraxios. Tratei de relacionar os temas có mar, como ocorre co primeiro vóo dun helicóptero na Coruña. É a toponimia marítima, e as xeracións futuras deben coñecela, incluso algunha que desapareceu e é bó aclarar eses topónimos. Como curiosidade o afundimento do “Trier” deulle nome a un lugar, o Triel, nas Gandias, e é o único que quedou co nome dun barco. Ao igual que os exvotos. Remato con iso porque crin oportuno sacalos á luz, porque están medio ocultos na sacristía de Pastoriza e teñen un valor histórico.

 

Por que recomendaría esta lectura?

Fun moi afortunado de merodear pola memoria da xente maior e só por iso merece a pena, para que non se perdan esas historias. E, por outra, para os de Arteixo, para que coñezan un pouco máis o seu concello.

“Sentinme moi afortunado de poder merodear pola memoria da xente maior”