Javier Gestal | “Somos o cuarto concello máis endebedado da provincia e estamos loitando para solucionar esa situación”

Javier Gestal | “Somos o cuarto concello máis endebedado da provincia e estamos loitando para solucionar esa situación”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-1b2643b7

Javier Gestal Pose (Carral, 1957), funcionario do Consistorio carralés e líder de Alternativa dos Veciños no municipio, tomou posesión en xuño de 2019 como alcalde, dando a sorpresa na comarca da Coruña tras superar en votos ao que era alcalde de Carral desde 2003, José Luis Fernández Mouriño (Partido Popular). 

Pasados os primeiros oito meses, Gestal amósase con moitas ganas e asegura que bota moitas horas no Concello, tratando de poñerse ao día en todo e recibindo, “coma sempre”, aos veciños que aparecen pola porta.

Que balace fai destes oito meses á fronte do Goberno de Carral? 

Levamos oito meses de moitísimo traballo, de estar aquí mañá e tarde. Cando entramos a maioría das empresas que estaban traballando para o Concello estaban sen pregos e iso levounos moito tempo. Agora o primeiro que imos sacar é o de Atención a Domicilio e despois continuaremos co das piscinas e o da limpeza viaria. Temos esa tarefa por diante e tamén o de Emalcsa, é dicir, non tiñamos nin un. A sorte máis grande que puiden ter foi dar coa xente que din, moi traballadora, desde o primeiro ao último dos concelleiros que van comigo.

Que obxectivos se marca para este 2020?

Adaptar o orzamento municipal ás necesidades dos veciños, o ideal sería ter máis cartos pero temos que adaptarnos moitísimo á situación actual. A nosa prioridade principal vai ser a xente maior e despois ir facendo pouco a pouco máis cousas. Estamos solicitando moitas subvencións para poder poñer máis cousas en marcha sen mermar os nosos recursos. En 2020 creo que poderemos empezar a respirar un pouquiño e que virán cousas positivas.

A canto ascende o orzamento para este ano?

Cinco millóns e medio, máis ou menos. O problema que tivemos foi ter que afrontar unha débeda bastante importante e asumir gastos que nos veñen de atrás. Imos pagando pouco a pouco, moi lentamente, imos tirando relativamente ben. 

En que ocuparon máis tempo estes últimos meses?

Principalmente no prego de Axuda no Fogar, cando chegamos a empresa que estaba deixou de prestar servizo da noite para a mañá e tivemos que buscar outras e negociar tanto con sindicatos como con traballadoras. Logramos chegar a acordos e despois pedimos prezos a tres empresas. Agora mesmo estamos cunha empresa ponte, Siad24, ata que non saquemos o prego de condicións. despois se elixirá a oferta máis adecuada e se licitará o contrato. 

Cando entramos no Goberno vimos que a maioría dos servizos estaban sen prego de condicións e levamos meses con eles; o de Axuda no Fogar está a piques de saír

Unha peza clave para mellorar o urbanismo local vai ser o Plan Xeral. Como se atopa?

Estamos tamén con el, revisando as alegacións e despois hai que expoñer o plan de novo. Despois, temos que sentarnos para empezar con el seriamente. Hai que dicir a verdade, ocupamos máis tempo co da Axuda no Fogar que co Plan Xeral, pero obviamente é algo que temos como prioridade.

Segue a ser unha peza clave do seu mandato.

Si, nós queremos sacalo canto antes, se pode ser en seis meses, mellor que nun ano. Pero aquí hai que cumprir uns prazos legais e ten que ter o visto bo da Xunta, hai que seguir uns pasos. Pero poñerémonos xa co plan, o que faga falta. Eu son dos que primeiro chego ao Concello e dos últimos en marchar.

E continúa recibindo os veciños como fixo sempre.

Veñen moitos, si, a verdade é que teño moito traballo, sempre hai algo que facer. E teño visitas que facer ao Consorcio, Emalcsa, etc... Pero os veciños saben que me teñen aquí de 08.00 a 15.00 e incluso algún día pola tarde. 
 
O Plan Xeral logrará rematar cos esqueletos de vivendas en Carral? Medra a poboación actualmente no municipio? 

Estamos tendo un pico de poboación importante porque somos un punto moi cercano coa Coruña e temos alugueres moi baratos. Coa Terceira Ronda estamos a quince minutos do centro da cidade. Sobre os edificios sen rematar, é un problema que están tendo grandes cidades, imaxina nunha vila como Carral, de 6.500 habitantes. Todos estes edificios están na Sareb, o que lle chaman o banco malo, nós estivemos en contacto con eles para pedirlle polo menos que garantan as medidas de protección, e no caso dos que están practicamente acabados houbo promocións á venda. Hai outros edificios que están embargados por bancos que non son a Sareb. O ideal era chegar a acordos con esta xente para que se puideran vender, pero algúns están só coas estruturas... é complicado e dan aspecto de abandono total. Se estivera todo en orde e se puideran ocupar os pisos que están rematados, Carral contaría, sen esaxerar, con 600 vivendas máis. Se as cousas tiveran ido mellor esta última década e se finalizaran todas as obras, habería máis de mil. En 2006 e 2007 houbo un frenazo total.

Se as cousas tiveran ido mellor esta última década e se finalizaran todas as obras que se iniciaron, en Carral habería máis de mil vivendas dispoñibles agora mesmo

Os maiores son a súa prioridade. 

Exacto. Por iso dedicamos tanto tempo e recursos á Axuda no Fogar. Estivemos en contacto cos concellos de Cambre e Culleredo para coñecer os seus servizos e elaborar o novo contrato. Agora quédanos todo un ano para facer os pregos de todos os servizos e ter un concello funcionando adecuadamente. 

O centro de día é unha utopía?

O concello tiña unha subvención para un centro de maiores e eu quero que se aclare ben isto porque son conceptos distintos: un centro de maiores é unha cousa e un centro de día é outra. No seu momento tiñamos unha axuda de 150.000 euros para un centro de maiores pero a nós un centro dese tipo non nos soluciona nada, porque é un local de recreo para pasar o rato os maiores. Un centro de día é para atender xente e ten que contar con médicos, enfermeiras, ATS, etc... e nós necesitamos a axuda da Xunta para poñer isto en marcha. Se non é cun convenio no que, ao mellor, a Xunta financie o 70 ou 75%, non podemos. De todas maneiras fomos falar co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para dicirlle se poderiamos abrir como centro de día o espacio que xa temos, o antigo colexio Víctor Velasco, e utilizar os 150.000 euros para iso. E a Xunta respondeu que desde hai dous anos non abre centros de día porque lles compensa máis prestar a Axuda no Fogar. Eles financian unha porcentaxe e eliminan as cargas que pode ter un edificio que hai que manter e que necesita persoal. 

É necesario incrementar a seguridade vial na N-550 e queremos pasos de peóns para os alumnos do instituto e do CEIP Vicente Otero, pero depende de Fomento

Como están a nivel económico? 

Mal. Somos o cuarto concello máis endebedado da provincia. A débeda actual é de tres millóns.

No último pleno a oposición queixouse de que houbo que aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito. 

É algo que adoita facerse anualmente cando quedan facturas pendentes e se meten no exercizo seguinte. 

Que plans de futuro teñen a nivel industrial? 

Aínda non puidemos cambiar o uso de parte do solo dos Capelos, é algo que temos aí en marcha. Houbo contactos con Sepes, órgano xestor do polígono, pero depende do Goberno central e ata que se conformou o novo Executivo non se puido avanzar nesa iniciativa. O que pretendemos é que a zona que quedou como de uso residencial pase a ser industrial, coa intención de atraer máis empresas ao municipio, xa que hai parcelas abandonadas.

Seguen pedindo máis seguridade vial na Nacional 550? 

Poñeríamos máis sinalización e pasos de cebra, pero é algo que depende de Fomento, igual que a cesión das variantes de Ponte Lago e Herves, que tamén se levou a pleno. Interesaríanos, tamén, que o tramo da Nacional que pasa polo noso casco urbano fose de titularidade municipal, igual que ten Culleredo no treito de Vilaboa. Así poderíamos xestionar medidas para reducir a velocidad. No tramo do IES Carral queremos poñer un semáforo con pulsador e un paso de peóns, que por agora nos dixeron que non porque a estrada aí é en costa, pero creo que se podería poñer. Outro paso de cebra buscamos colocalo á altura do CEIP Vicente Otero.

Logramos ter pediatra dous días á semana pero seguiremos reclamando melloras en sanidade

Unha das reivindicacións máis importantes do Goberno de Carral nos últimos meses foron as relacionadas coa sanidade, xa que o municipio atopábase sen pediatra e os veciños tiñan que desprazarse a Cambre. Ademais, piden máis facultativos para cubrir baixas ou vacacións.  

Que iniciativas se están facendo desde o concello a nivel educativo? 

Programas de seguridade coa Policía e cos Bombeiros, bolsas educativas, actividades de igualdade... Temos diversas cousas en marcha para coidar a formación dos nosos rapaces.
 
Están cubertas as necesidades educativas do municipio ou precisarían algún centro máis? 

O único que non temos é o Bacharelato, pero sempre se foi ao IES de Sigrás, que está moi preto. Suporía un gasto moi importante para a Xunta e realmente estamos a cinco minutos. 

O que si precisarían son máis pediatras e médicos en xeral. 

Si, levamos reivindicando iso moito tempo e últimamente con máis forza. Fomos falar con Luis Verde, xerente do Sergas, e logramos mellorar un pouco o servizo. Ao principio deixábannos sen pediatra, tiñamos que ir a Cambre, e agora témolo dúas veces por semana, aínda que hai que seguir solicitando máis cobertura. A Xunta explicaba que están sen pediatras porque hai convocadas oposicións e moitos médicos piden dous e tres meses de excedencia para estudar. Agora creo que o problema está resolto, vén dous días á semana e no caso de que volva a haber protestas seguiremos reclamando.

No eido do turismo, que pode aportar Carral? 

O Camiño Inglés pasa por aquí e temos iniciativas como unha ruta de tapas, que funcionou ben, a Festa do Pan ou a Festa da Empanada, eventos que o Concello vai seguir impulsando e promocionando ano tras ano. 

Respecto ao pan, seguen esperando ese selo de calidade. 

Niso están, aínda que deste tema sabe máis a asociación de panadeiros. Están intentando lograr ese recoñecemento para o noso pan e levan moitos anos traballando e presentando documentación para iso.

Non puxen luces de Nadal porque non tiñamos cartos, non porque fagamos o mesmo que Oleiros; Ángel García Seoane nunca se meteu na xestión de Carral

Fomento iniciou as obras de Solymar, en Perillo, e da glorieta da Rocha. Que actuacións lle reclamarían para Carral?

Moitas, pero a principal creo que sería o cambio de titularidade do tramo da N-550 ao seu paso por Carral, para que puideramos colocar semáforos e outras medidas de seguridade. 

No Nadal pasado tivo queixas na vila por falta de iluminación decorativa e dixeron que seguía os pasos do alcalde de Oleiros, que tampouco pon luces. 

A Ángel García Seoane eu teño que alabalo en moitos aspectos, un deles é que xamais se me meteu na xestión municipal de Carral. Nós estamos para loitar polos veciños e os seus problemas, Gelo terá que loitar polos seus. Coincidiu que Oleiros non pon alumeado, pero nós non o puxemos porque non tiñamos cartos. Podía poñer unhas luces moi boas pero ía gastar 50.000 euros e pensamos que non era necesario. Aínda así, poñer catro luces no Campo da Feira costounos 4.500 euros. Eu pasaba por Ordes ou Vilaboa e envexaba o que tiñan, pero considero que, tendo a situación que temos, os cartos están mellor invertidos noutras cousas. Pero non estou en contra das luces de Nadal, para nada, nin lle quero sacar a ilusión aos nenos, como me dixeron nunha mensaxe que enviaron ao meu teléfono.

Javier Gestal | “Somos o cuarto concello máis endebedado da provincia e estamos loitando para solucionar esa situación”

Te puede interesar