“Non podemos presumir de que somos mellores que ninguén”

“Non podemos presumir de que somos mellores que ninguén”
Deporte Campeón-2013-10-05-004-844dbd2a

Fernando Vázquez, adestrador do Deportivo, foxe de calquera tipo de relaxación e apela á “humildade e á responsabilidade” para vencer mañá o Mirandés en Riazor e, desta forma, prolongar o refacho de vitorias tras gañar ao Alcorcón e ao Hércules nas dúas últimas xornadas.
“De momento, hai moita igualdade na competición, todos os equipos teñen moitas posibilidades de gañar os partidos. Non podemos presumir de que somos mellores que ninguén e imos saír con toda a humildade e a responsabilidade e a tensión para gañar”, comentou o técnico de Castrofeito tras a sesión de adestramento que realizou onte o seu equipo na cidade deportiva de Abegondo.
Un dos temas sobre os que falou o estratego branquiazul foi sobre o adversario co que se medirán mañá, do que destacou a súa organización e equilibrio.
“O Mirandés é un equipo organizado, ben traballado e equilibrado”, asegurou o preparador do cadro coruñés, quen non espera toparse cun rival que aposte pola especulación como principal arma para tratar de sorprender en terras herculinas.
“Eles van atacar. Trátase dun equipo equilibrado, que non vai esperar atrás e que vai xogar, así que haberá alternativas e posibilidade de contraatacar se é necesario”, explicou.

Presión na casa
O técnico coruñés recoñeceu que a obriga de gañar e, sobre todo, agradar ao seu público, pesou ao equipo branquiazul nos primeiros partidos da tempada no estadio de Riazor.
“Fóra non tes que demostrar nada especial nin que gañar dunha forma especial, pero na casa está a túa xente, os teus amigos e os meus futbolistas queren agradar e convencer a afección, estar agradecidos e iso dá máis presión. Estar á altura da nosa afección nestes momentos é difícil”, manifestou Vázquez, quen tamén admitiu que nos encontros de casa á súa escuadra tamén lle está a pasar factura ter que levar a iniciativa, unha faceta na que os branquiazuis aínda non se encontran moi cómodos.
“En Riazor intentamos xogar un pouco distinto, ser protagonistas do partido, ante o noso público, dominar. Fóra de casa nosa idea é controlar e en Riazor dominar o partido. e cando dominas corres máis riscos. Se dominas pero en ataque non fas nada e en defensa permites que o rival poida correr, non fas nada. Esa sería a excelencia do equipo, conseguir dominar e controlar. Gañariamos partidos con certa solvencia”, apuntou o estratego branquiazul, quen insistiu en que aínda é pronto para saber cal é o potencial real dos conxuntos que forman a Segunda División.
“A partir da duodécima xornada ou por aí poderemos ver cal é a posición de cada equipo, por que meta pelexa,” afirmou.
O pasado mércores, durante a presentación da súa candidatura á presidencia do Deportivo, Paco Zas asegurou que, de saír elixido máximo mandatario da entidade coruñesa, respectará o contrato de Fernando Vázquez, quen asinou co Deportivo ata 2015, cunha campaña a maiores en caso de conseguir o ascenso a Primeira División.
O técnico de Castrofeito agradeceu as súas palabras, pero insistiu en manterse á marxe dos candidatos ás eleccións do club branquiazul.
“Estou informado do que se está a dicir, porque é a miña empresa e estou informado e preocupado, pero a nivel de opinión estou illado e sigo á marxe. En todo caso, quero dalo as grazas a Paco Zas polo que dixo”, comentou o estratego da escuadra herculina, quen insistiu en que “non” sería necesario” falar cos diferentes candidatos á presidencia, “en todo caso, a posteriori, cando xa se coñeza o gañador”.

Ínsua e a sub'21
O seleccionador de España sub’21, Julen Lopetegui, facilitou onte a lista de convocados para os dous partidos que a ‘Rojita’ disputará nos próximos días, ante Bosnia na Nueva Condomina o día 10 de outubro, e fronte a Hungría no estadio Cartagonova o día 14. Na devandita convocatoria non incluíu o deportivista Pablo Insua, malia o excelente comezo de tempada que está a protagonizar o canterano branquiazul, que está a crecer a pasos axigantados e se converteu nunha peza indispensable para a escuadra herculina.
“Correspóndelle ao adestrador, eu non teño nada que dicir. Entenderá que de momento hai outros futbolistas que ocupan esa posición. Algún día Pablo Insua será internacional na sub-21, non me cabe ningunha dúbida, pero actualmente en España hai unha cantidade enorme de xogadores de moita calidade e hai moita competencia”, explicou o estratego do conxunto coruñés .
Vázquez mostrouse moi relaxado durante toda a súa alocución e mesmo se atreveu a chancear dicindo que se encadean a terceira victoria consecutiva, irá a Lugo a comer o polbo pola festividade de San Froilán. 

“Non podemos presumir de que somos mellores que ninguén”

Te puede interesar