Carlos Blanco estira o tempo para facer teatro, televisión e monólogos durante o mes de maio

Carlos Blanco estira o tempo para facer teatro, televisión e monólogos durante o mes de maio
el ideal gallego-2019-05-02-036-740aad79

Carlos Blanco fai monólogos, Carlos Blanco participa en series de televisión, Carlos Blanco protagoniza obras teatrais e contan as lendas que de cando en cando, Carlos Blanco tamén respira.


Durante as próximas semanas o actor e humorista arousán exercerá de todo o citado sen apenas tempo de pensar no seguinte que ten que facer. Entre todas as cousas que fará en maio atópase a clausura do primeiro Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) que se celebrará na Coruña dende o día 14 ata o 19.


Ese último día, o 19, terá lugar a gala Fantastic Colofón, que capitaneará Marta Flich e contará coas actuacións de Joaquín Reyes e do propio carlos Blanco.


Do pouco que quixo adiantar Blanco: "Eu farei o meu, un dos meus monólogos, probablemente faga algún dos máis coñecidos", explica o humorista arousán. 


Sobre o público que acudirá á cidade para ver algunha das diferentes actuacións, os organizadores adiantaron, xa hai unhas semanas, que unha boa parte del será de fóra da urbe e mesmo de fóra de Galicia. "Pois síntoo moito, pero para o meu cacho van precisar traductor", afirma entre risas Blanco ao coñecer este dato. Pero deixando a broma de lado: "En serio, paréceme xenial que a xente se achegue para un evento así".


Durante a gala na que participará o actor, renderase homenaxe tamén ao escritor, músico, actor e conductor de radio arxentino, Alejandro Dolina; ao humorista e dramaturgo, Moncho Borrajo; e ao director, guionista e productor, José Luis Cuerda.


Sobre eles Blanco non ten máis que gabanzas. Unha gala que rende homenaxe ao "maravillosísimo" Borrajo e mais a un "pioneiro e maestro do surrealismo" como Cuerda, ten que ser boa.


O EMHU contará con numerosos actos que protagonizarán actores e humoristas de todos os puntos da península.

Unha noite na praia
Pero como se dicía ao principio, Carlos Blanco é un home moi ocupado ultimamente. Ademais de participar na clausura do EMHU o día 19, agora mesmo está a ensaiar a nova obra de teatro dirixida por Javier Veiga, “Unha noite na praia”, que estrea o próximo día 10. Unha peza teatral que conta, de novo, coa gran sociedade que son Blanco e Xosé Antonio Touriñán, que repiten xuntos no escenario tras o gran éxito da comedia “Somos criminais”.


Repite, en parte, porque “imaxínate, é facílisimo traballar con xente tan intelixente como Touriñán, é moi cómodo”. Tentando sacarlle un pouco da trama, Blanco plántase: “Non, prefiro que sexa unha sopresa para os que veñan”, di sobre unha obra que visitará A Coruña os días 14 e 15 de xuño, pero  co cartel de vendido a punto de colgarse. “Se non están esgotadas, pouco lle falta”, afirma, “e aínda por riba non podemos facer máis datas porque o Colón xa está ocupado”, engade Blanco.

Serie con Dani de la Torre
Blanco estrea no teatro o día 10, xusto dous días despois de comezar a gravación da nova serie de Dani de la Torre, “La Unidad”.


“Un proxecto moi grande, galego”, conta Blanco sobre a serie, que tratará sobre unha unidade antiterrorista real, “un tema que Dani sabe abordar moi ben”.


“No reparto hai tres premios Goya, xente moi boa, así que imaxina as  ganas que teño de comezar”, di.


Este mes de maio, Blanco exercerá como humorista, como actor no teatro e diante das cámaras. Sobre cal se sinte máis cómodo, asegura que “o chulo é poder facer os tres coma eu”. O teatro “ten as risas do público” e a tele “a repercusión, mira como foi Fariña, así que poder dedicarme a todas é marabilloso”, senteza.

Carlos Blanco estira o tempo para facer teatro, televisión e monólogos durante o mes de maio

Te puede interesar