O Bloque esixe á Xunta un financiamento estable para a Real Academia de Belas Artes

|

El Ideal Gallego-2011-07-21-012-487da77a marta garcía márquez > a coruña
  O grupo nacionalista presentou unha proposición non de lei no parlamento galego na que lle esixe á Xunta un financiamento estable para que a Real Academia de Belas Artes poida asumir as súas funcións de recuperación, mantemento e difusión do patrimonio galego, ademais de elaborar informes cando lle son requeridos e participar en comisións avaliadoras de proxectos.
A deputada Ana Pontón calificaba de “preocupante” a situación económica pola que pasa unha institución con máis de 150 anos de vida para a que Xunta destinaba, en 2010, 40.000 euros. O BNG entende que a academia non pode levar a cabo as responsabilidades que lle son asignadas por falta de cartos, de aí que presentaran unha iniciativa parlamentaria para que non se produzan máis recortes por parte da Xunta. O partido pide que as novas partidas non sexan inferiores ás anteriores.
Pontón sinalaba que non se trata de falta de recursos, senón que os que hai están sendo distribuidos dunha forma non equitativa e poñía como exemplo a Fundación Camilo José Cela, que recibía este ano unha dotación de máis de 240.000 euros.
O que se busca por parte do Bloque é que Belas Artes obteña un recoñecemento despois de comprobar o estado no que se atopa nunha serie de visitas realizadas por Pontón xunto á edil María Xosé Bravo e os portavoces en A Coruña e no Congreso dos Deputados, Xosé Manuel Carril e Francisco Jorquera.
A exconcelleira sinalaba que o que alí se conserva ten que ver con fondos artísticos, musicais e arquivísticos de enorme valor para a cultura galega con coleccións importantes de pintura e escultura, de cerámica de Sargadelos, apiladas xunto a máis de 500 gravados da Calcografía Nacional dos séculos XVII e XX, uns 40 de Goya, as fotos de Chamoso Lamas ou o Arquivo Musical de Galicia.
Carril manifestaba que a intención da súa directora Mercedes Goicoa é a de trasladar a súa queixa aos outros partidos con representación parlamentaria. Neste aspecto, Pontón esperaba o apoio unánime de todas as forzas unha vez se reestablezan as sesións no mes de setembro. A responsable da academia aspira a que Belas Artes conte cunha cantidade fixa e non dependa das subvencións, que non son suficientes para sufragar as tarefas que teñen que afrontar ao longo do ano.
Por medio desta proposición non de lei, o Bloque instará á Xunta a que inclúa á entidade dentro do Proxecto de Orzamentos de 2012 cunha partida normativa que lle axude a superar as dificultades de espazo e financiamento polas que pasa na actualidade.
Nesta liña apuntaba a que moitas das pezas que garda a academia non poden ser expostas por falta de metros cadrados, “xa que a biblioteca e a hemeroteca están saturadas e os arquivos colapsados”. A nacionalista esixe ao Goberno autonómico que recoñeza o traballo que vén desenvolvendo desde hai máis dun século, sendo unha das cinco academias que existen no país. A finalidade é que con estas melloras, o patrimonio poida ser desfrutado por todos xa que a carencia de espazo físico obriga a Belas Artes a deixar fondos en depósito a outros entes.
Lembran que o seu financiamento, que procede de distintos organismos oficiais e entidades privadas, sufriu fortes reducións nos últimos anos. O BNG engade que nestas condicións, a entidade non pode desenvolver unha actividade a medio e longo prazo e dificulta contar con persoal que estabilice o seu funcionamento.

O Bloque esixe á Xunta un financiamento estable para a Real Academia de Belas Artes