“O único que me diferencia de José María Barja é que eu teño barba”

El Ideal Gallego-2011-06-24-009-bd4b4ffc

xosé luís armesto
candidato a reitor por nova luce

Xosé Luís Armesto leva dende 1974 traballando para a Universidade. Esta semana, o catedrático de Química e Física foi nomeado candidato de Nova Luce á reitoría da entidade, en sustitución de José María Barja. O seu obxectivo: seguir adiante co proxecto do seu grupo.

entrevista de p. g. l.

Di que a única diferencia co actual reitor, José María Barja, é a súa barba. Polo demais, Xosé Luís Armesto (A Coruña, 1948) concorda coa forma de dirixir a Universidade do actual reitor e coas bases de Nova Luce, a formación que leva ao frente dos órganos de goberno os oito últimos anos. O profesor defende unha entidade docente “pública, galega e de calidade”, e confía en atopar unha boa saída para que o campus de Elviña poida ter, por fin, unha residencia pública que de servicio a toda a comunidade educativa. Como vicerreitor de Profesorado dende 2004, o catedrático de Química e Física sabe que é importante manter unha boa relación institucional coas administracións, tanto co Concello como coa Xunta.
—Por que se presenta como candidato a reitoría da Universidade?
—Levo moitos anos na Universidade, en diferentes cargos, e sempre estiven disposto a colaborar a todos os niveis. No momento no que Nova Luce deposita a confianza en min paréceme marabilloso, e móstrome disposto a dar continuidade as ideas que marcan o grupo.
—E cales son eses principios que definen a filosofía de Nova Luce?
—Defendemos unha universidade pública, galega e de calidade. Tamén queremos traballar dende a transparencia e a participación, algo que quedou demostrada no claustro, onde case todos os temas se sacaron por acordos. Nestes momentos, a Universidade é eficiente e ten uns altos niveis de satisfacción, ademais do nivel de empregabilidade, cunha financición moito máis baixa que calqueira outra.
—Xa teñen decididas as liñas do programa electoral?
—Para as eleccións aínda falta porque son a final de ano, e non se van convocar ate un mes antes. Agora é o momento de escoitar a comunidade educativa para recoller as críticas, suxerencias e propostas.
—Cambiou moito a Universidade nestes últimos oito anos con Nova Luce ao frente dos órganos de goberno da entidade con respecto a etapa de José Luis Meilán Gil?
—Si. As universidades, en xeral, son institucións centenarias moi dinámicas, que se adaptan aos cambios. Nestes últimos anos normalizouse a vida universitaria e definíronse ás obrigas docentes. O nivel de transparencia na nosa Universidade é envidiable, cun clima de diálogo e participación.
—Que o diferencia de José María Barja?
—Que eu teño barba (rí). O lema das anteriores era “José María Barja, o mellor equipo”, e iso é o que é Nova Luce: un equipo onde todas as decisión son solidarias. Nese sentido, non hai nada que nos diferencie.
—Hai algún candidato que dixo estar disposto a incorporar a persoas doutros grupos se sae elixido reitor. Pensa facer o mesmo?
—Estamos noutro contexto. Agora é o momento de que quen queira participar no noso proxecto se sume a esta alternativa. Aquí estamos abertos a integración de todo o mundo.
—Que vai pasar coa residencia universitaria? Chegarán as eleccións co tema resolto?
—Levamos seis anos con este proxecto, pero somos optimistas á hora de buscar unha boa solución que permita dispor dunha área residencial pública, cuns prezos públicos e que sirva tamén para o resto da comunidade universitaria.
—Coñece ao novo alcalde?
—Si, e merece todos os meus respetos.
—Que opina do novo gobierno local?
—Creo que o importante son as relacións institucionais, e que estas sean boas. No seu equipo de goberno ten a varios profesores da Universidade, que xa manifestaron a súa intención de colaborar e dialogar.
—Carlos Negreira falaba no seu programa de potenciar a entidade docente...
—E nós tamén. En iso coincidimos, temos sorte. Iso é moi bó para a cidade.
—Tamén apostaba por aproveitar os recursos que ofrece a Universidade. Está de acordo?
—A Universidade está aberta cos seus profesores para o que necesite.
—Á marxe da ausencia dunha área residencial, que outros déficits ten a Universidade que lle gustaría que fosen tidos en conta polo Concello?
—A Universidade ten un déficit de metros cadrados. E nese sentido queremos contar coa colaboración do Concello e tamén da Administración autonómica, porque é algo imprescindible.

“O único que me diferencia de José María Barja é que eu teño barba”

Te puede interesar