ViaxArte premiará as fotografías máis orixinais destas vacacións

El Ideal Gallego-2011-07-23-014-52e9dcf6 redacción > a coruña
  Ademais dos souvenirs e das experiencias que un mete na maleta para iniciar o camiño de volta, as boas e tamén as malas, os coruñeses poderán traer destas vacacións unha obra de arte en forma de instantánea coa que competir nunha oitava edición do certame Viaxarte.
Non hai temática que limite a creatividade de cada obxectivo. Cada un terá a oportunidade de completar a súa “tournée” cun premio que superará ou non a vivida. Como non podía ser menos, o Concello obsequiará ao mozo máis revelador con outra viaxe por unha capital europea co fin de que continúe a inmortalizar o mundo ao seu antollo.
O prazo de admisión de propostas está aberto ata o 2 de setembro e poderán participar rapaces con idades comprendidas entre os quince e os trinta anos. As obras presentaranse a título individual e deberán ser orixinais e non premiadas noutros concursos.
Ademais, os gañadores de edicións anteriores teñen vetada a súa partipación. As pezas terán un tamaño mínimo de 18 por 24 centímetros e un máximo de 40 por 50 e terán que ir nun soporte de cartón pluma de tamaño único de 40 por 50.
Neste aspecto, as bases de Viaxarte distinguen dúas categorías en canto a que poderá ser unha ou unha serie de tres imaxes as presentadas. Na ficha de inscrición deberá constar en que opción se quere competir.
As instantáneas identificaranse mediante un título ou un lema e haberá distincións para as mellores dos dous apartados e unha terceira a modo de accésit para a máis orixinal feita en Galicia, xa sexa unha soa ou tres. Os gañadores elexirán entre unha viaxe para unha persoa e dunha semana a Alemaña, Francia, Grecia, Italia ou Turquía ou ben un percorrido de catro días e para dúas persoas a Praga, Budapest, Londres, Amsterdan, Berlín ou Madeira.

Mostra > Por outra parte, as fotografías premiadas serán expostas durante o mes de setembro no Fórum Metropolitano e publicadas na páxina web do CMIX. No caso das premiadas, estas formarán parte dun catálogo e pasarán a ser propiedade do Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello, con cesión dos dereitos de reprodución e exposición.
O xurado estará integrado por cinco persoas, das que catro procederán do ámbito fotográfico, turístico e xuvenil e o seu veredicto será inapelable.

ViaxArte premiará as fotografías máis orixinais destas vacacións

Te puede interesar