Os escritores Ana Romaní e Carlos Marzal pechan “Poetas di(n)versos”

El Ideal Gallego-2011-05-24-013-1eb25376

  r.l. > a coruña

  O departamento de Cultura dálle vacacións á poesía que viaxou durante estes meses de balde ata Durán Loriga para ficar diante do oído que adoita escoitar versos e do que non está afeito a facelo para que se achegue ao xénero dos sentimentos en carne viva e comece a ler en rima. A lírica tivo onte na casa da cultura Salvador de Madariaga nome de muller.
Chamouse Ana Romaní para levar aos presentes unha escrita que foi condecorada como a mellor de 2010 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e tivo tamén a radio como vehículo de expresión xa que, ademais de pluma, Romaní leva dirixindo o programa “Diario Cultural”, na Radio Galega. A escritora repasou a súa traxectoria desde que un día deu en relatar “Palabra de Mar”, en 1987 e pasou o turno ao seu compañeiro, o valenciano Carlos Marzal, un dos máis recoñecidos poetas actuais en castelán.

Recoñecido > O que foi Premio Nacional de Poesía en 2002 e Premio da Crítica Española por “Metales pesados”, pasouse polo edificio para facer da poesía, un produto de consumo masivo a pesar dos prexuízos que a converten en minoritaria.
Eles completaron o mapa do xénero na península xunto a outras voces que visitaron a cidade desde o outono de 2009, dentro da actividade “Poetas di(n)versos”. Foi así como un total de 26 autores procedentes das cinco literaturas nas que respira o territorio: castelán, catalán, éuscaro, galego e portugués, brindaron ao público coruñés a oportunidade de compartir a súa obra en alto, nunha forma de facer máis próximos os versos contemporáneos máis diversos e de calidade. A tamén escritora Yolanda Castaño foi a encargada de dirixir os recitais que tiveron máis de cen asistentes de media nas sesións que tiveron lugar os luns.
Está previsto que o ciclo continúe unha vez que pase o verán cunha nova remesa de valores que estarán en A Coruña cunha conversa debaixo do brazo e dispostos a intercambiar posturas cos seus lectores.


 

Os escritores Ana Romaní e Carlos Marzal pechan “Poetas di(n)versos”

Te puede interesar