Tratando de acender as noites escuras

Tratando de acender as noites escuras
El Ideal Gallego-2014-12-24-013-77ff6790

Trátase de darlle luz a esas noites longas de inverno nas que nunca pasa nada, polo menos nada interesante para moitos mozos coruñeses que en verán emigran tenda de campaña ao lombo a escoitaren un pouco daquelo que chaman multiculturalidade. Chotokoeu mastigaron moito diso na súa última tournet por Europa, percorrendo seis países en tempo récord e dando máis de 60 concertos.
Ademais de facer callo, a intención da banda coruñesa foi desde o primeiro a de traer un pouco do que viron as súas Noites de Luz, que comezaron hai un ano na sala Capitol de Santiago. O ciclo naceu con arelas de facelo continuo e sen unha sede fixa. De dispersalo.
Dese xeito, a iniciativa continuaba en novembro deste ano cunha nova entrega no Garufa Club, un local que presume de adaptarse ás necesidades do apartado e que rexistraba un cheo nesa convocatoria. Agora, o grupo que se trasladou a unha aldea de Uxes e mestura a tarefa de practicar acordes con darlle penso ás galiñas lanza unha nova oferta para esta fin de semana.
O venres actuarán na sala Berlín de Ourense nesa teima por achegarse a locais de toda Galicia e rematarán o sábado no Garufa Club de novo. Nesta ocasión, Chotokoeu daralle luz ás noites xunto coa banda francesa Kilomba, anteriormente chamada Kimbalá, que foron este verán de xira con Manu Chao.
A formación intégrana dous compoñentes galegos, que estiveron tocando en Festicultores e Som do Galpom, polo que foi máis fácil que recalaran en terra galaica nestas datas. Virán cunha fórmula máxica que entende do latino e a “jarana”, o latin-jarana-style e un toque combativo nas letras como se pode comprobar no vídeo “La Campesina”, que Rubén de Chotokoeu convida a visualizar.
Neste aspecto, os dous grupos voltaron ao campo en busca de tranquilidade. Alí en Uxes coñécenos como a súa orquestra: “Paralelamente eles fixeron algo parecido en Francia”. A festa rematará coa posta en escena do colectivo de DJs Brigada A.M. Sound, que ofrecerá unha animada sesión como broche final. Máis alá das tendencias comerciais, Noites de Luz pretende ser un espectáculo cultural de calidade. Que se consolide no tempo e sexa accesible.
De aí que o prezo das entradas parta dos sete euros coa condición de quen comparta o cartel do evento en facebook conseguirá o pase por cinco euros. Neste punto, Rubén destaca a importancia que ten o feito de achegar a cultura.
O músico entende que na cidade hai movemento pero que se necesita “algo diferente, é un pouco no que vai a idea do nome, de dar luz a esa escuridade”. Cre que a xuventude quere sonidos distintos e que “non contan con eventos”. Por iso, Noites de Luz é unha oportunidade para moverse polo mapa desde o sitio.
Cun pé en A Coruña e o outro no festival que organizan en O Bierzo, Vibra Balboa, Chotokoeu xoga con vantaxe e pode recurrir a súa lista de contactos para rebozar de novas correntes musicais a cidade que hoxe miran desde a súa atalaia arteixá: “Imos coñecendo bandas e temos máis posibilidades de traelas”. Os que queiran festa, poderán recoller a súa entrada antes do sábado na Barbería, da rúa Orzán, e en Villatuerto, da praza de Millán Astray. En taquilla, tamén están dispoñibles.

Tratando de acender as noites escuras

Te puede interesar